Desde Cultura Galega:
“Como era de agardar, no ano no que o Día das Letras homenaxea a Manuel María comezan a aparecer os primeiros lanzamentos arredor da súa figura. Así, a editorial Galaxia acaba de anunciar o lanzamento dunha Antoloxía poética do autor chairego, unha selección que correu a cargo de Darío Xohán Cabana e que explora os múltiples temas que abordou o homenaxeado. Os textos, que se escolleron a partir de diferentes edicións, mecanoscritos e orixinais, preséntanse por orde cronolóxica e permiten analizar a evolución creativa do autor.
En paralelo, Títeres Alakrán acaba de anunciar a posta en escena da obra de Manuel María Os soños na gaiola, para a que conta con dirección e dramaturxia de Roi Vidal Ponte. A montaxe de monicreques adapta un dos primeiros libros de poemas do chairego, dirixido ao público infantil.”