Cuestionario Proust: Xosé Vázquez Pintor

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Xosé Vázquez Pintor:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
– A procesión que vai por dentro.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A lealdade.
3.– Que agarda das súas amizades?
– As palabras limpas e o tempo en horas de nos ver.
4.– A súa principal eiva?
– O descoido.
5.– A súa ocupación favorita?
– A conversa demorada coa paisaxe.
6.– O seu ideal de felicidade?
– O paraíso do Amor.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– As despedidas.
8.– Que lle gustaría ser?
– Leal e humilde, en feliz casorio cos tempos da vida.
9.– En que país desexaría vivir?
– Na Terramar Noroeste, en feliz xuntanza cos tempos da ledicia e de soñar.
10.– A súa cor favorita?
– O branco das nevaradas.
11. – A flor que máis lle gusta?
– A camelia.
12.– O paxaro que prefire?
– O xílgaro.
13.– A súa devoción na prosa?
Caballo en el salitral, de Antonio di Benedetto.
14.– E na poesía?
– Toda. Cando Ela é.
15.– Un libro?
– Sería inxusta unha escolla. Teño moitos no meu colo e no meu berce.
16.– Un heroe de ficción?
– Por acaso Sancho, coa súa pousa nas terra de saber e de agardar.
17.– Unha heroína?
– Moitas. Devecín por unha do meu imaxinario: a protagonista da novela Para dicir abril.
18.– A súa música favorita?
– Clásica. Namorei dela cando a procuraba para os espectáculos dos mimos, con Ancoradouro. E agradezo sobremaneira a Franz Liszt.
19.– Na pintura?
– Colmeiro, Laxeiro, Torres: a triloxía vangardista da Gallaecia en pé.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Hai cen. Dicir unha sería inxusto.
21.– O seu nome favorito?
– Adriana, a coprotagonista da miña última novela que está para saír.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– O cinismo: que foran tamén os hábitos do “Prestige”.
23.– O que máis odia?
– A traizón.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Uufff, esa nube neghra! Non lles vou dar a oportunidade de persistir.
25.– Un feito militar que admire?
– Non sei. Hai palabras que dan medo e son terror.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– A bondade.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Soñando aquela miña infancia na aldea de Quian.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– O tempero.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Os físicos.
30.– Un lema na súa vida?
– Quérovos moito, nai-pai.”

Lugo: presentación de Para dicir abril, de Xosé Vázquez Pintor

Xosé Vázquez PintorO 3 de outubro, na librarí­a Trama de Lugo (galerí­as da Avenida d’ A Coruña) ás 20:00, terá lugar a presentación do libro Para dicir abril (Premio Vicente Risco de Creación Literaria 2007). Participan Ánxela Gracián (directora da Coleción Medusa-Narrativa de Sotelo Blanco) e o autor.

Preséntase en Compostela Para dicir abril, de Xosé Vázquez Pintor

O xoves 10 de abril, ás 18:00 horas na libraría Couceiro (Praza de Cervantes) de Santiago de Compostela, presentarase Para dicir abril (Sotelo Blanco), de Xosé Vázquez Pintor. Para alén do autor intervirá Ánxela Gracián (directora da colección Medusa Narrativa).

Presentarase en Ourense Para dicir abril, de Xosé Vázquez Pintor

O sábado 1 de marzo, no Auditorio Municipal de Ourense, a catedrática da Facultade de Filoloxía da Universidade de Vigo Camiño Noia Campos presentará o libro Para dicir abril, de Xosé Vázquez Pintor, polo que recibiu o Premio Vicente Risco de Creación Literaria en 2007. Será ás 12:00 horas.