Pep Bruno e Mariona Cabassa gañan o III Premio Internacional Compostela

«A obra titulada “La Familia C”, con texto de Pep Bruno (Barcelona, 1971) e ilustracións de Mariona Cabassa (Barcelona, 1977), é a gañadora do III Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados. O galardón, cunha dotación de 12.000 euros, conleva a publicación do libro en galego, castelán, catalán, euskera e portugués. Os traballos do catalán Raimon Juventeny Corberó, “Manual del buen paseante. Descripción en veinte puntos”, e da arxentina Vanina Soledad Starkoff, “Bailar en las nubes”, son os finalistas do certame.
O fallo do III Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado marca o inicio da X Campaña de Animación á Lectura que organizan o Departamento de Educación do Concello de Santiago e KALANDRAKA, en colaboración coa Galería Sargadelos. Co lema “Un gran soño”, a campaña vólcase un ano máis en desenvolver actividades dirixidas a pre-lectores, escolares, educadores,
bibliotecarios e promotores de lectura, público familiar e, por primeira vez, futuros creadores artísticos. Ata o 22 de maio, o programa ofrece sesións de contos e música, visitas guiadas á exposición de ilustracións e obxectos artísticos, obradoiros de escrita creativa e de ilustración, actividades formativas para o profesorado, encontros con ilustradores e charlas para familias.»