Vigo: actos destacados na Feira do Libro 2019 para o 2 de xullo

O 2 de xullo continúa a Feira do Libro de Vigo (na Rúa do Príncipe, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:

18:00 h. Concerto de presentación de A nena e o grilo máis aló, de Magín Blanco, publicado por Galaxia.
18:00 h. Sinatura ilustrada de Pioneiras 2, de Anaír Rodríguez e Abi Castillo, publicado por Xerais, na caseta de Secretaría.
18:30 h. Roteiro con Pedro Feijoo polos lugares recollidos no seu libro Camiñar polo Vigo vello. Organizado pola Feira do Libro de Vigo. Previa inscrición, posterior á compra dun libro na Feira. Prazas limitadas a 25 persoas.
19:00 h. Presentación de Dragal V, de Elena Gallego Abad, publicado por Xerais. Ao remate, sinatura de exemplares na caseta da Secretaría.
19:30 h. Presentación de Os tempos e o clima en Galicia, de Alberto Martí Ezpeleta, Juan José Taboada Hidalgo, Dominic Royé e Xavier Fonseca Blanco, publicado por Xerais.
20:00 h. Mesa redonda “Vigo, cidade de novela”, con Ledicia Costas, Manuel Esteban e Pedro Feijoo. Ao remate, sinatura de exemplares na caseta da Secretaría.
20:00 h. Antonio Seijas estará asinando exemplares de O soño da serpe, publicado por Galaxia, na caseta de Librouro.

Gondomar: diversas actividades para diferentes idades pechan a tempada de Espazo Lectura

Ao longo desta semana Espazo Lectura ofrecerá cinco actividades diferentes, destinadas a todo tipo de público, que porán o peche á programación arredor do libro e a lectura que a asociación desenvolveu ao longo da tempada 2018-2019.
Martes 4 de xuño, ás 20:00 horas, club de lectura Daquelas que Len.
Na Casa da Lectura celebrarase a última sesión do curso do club de lecturas feministas que botou a andar esta tempada. As lecturas propostas para esta última sesión son os álbums Pioneiras e Pioneiras 2, de Anaír Rodríguez, publicados por Xerais. Contaremos coa presenza da autora.
Mércores 5 de xuño, ás 18:00 horas, concerto Paco Nogueiras na Casa da Lectura
As sesións de dinamización lectora dos Mércores da Casa da Lectura, coma a propia Casa da Lectura, cumpriron 10 anos e Espazo Lectura celébrao pechando a tempada cun concerto infantil de Paco Nogueiras, que presentará o seu disco Bule Bule.
Xoves 6 de xuño ás 20:00 horas, na Casa da Lectura, club Sete Vidas
A sesión de xuño do club de lectura Sete Vidas estará dedicada ao comentario da novela As Ramonas, de Ana Cabaleiro, publicada por Galaxia. Durante a sesión, as persoa que se acheguen á actividade poderán conversar coa propia autora sobre a súa obra.

Anaír Rodríguez: “A onda ultraconservadora actual está tentando neutralizar o movemento a prol da igualdade de xéneros”

Entrevista a Anaír Rodríguez en Sermos Galiza:
“Anaír Rodríguez (Vigo, 1978) vén de publicar o segundo volume de Pioneiras (Xerais), un libro ilustrado no que recolle once biografías de mulleres galegas que abriron camiño nos seus respectivos eidos e que pretende fornecer de ferramentas ás novas xeracións para “reverter a falla de referentes femininos” que existe na sociedade, nomeadamente no ensino.
No limiar do primeiro volume de Pioneiras (Xerais), a súa autora, Anaír Rodríguez (Vigo, 1978), alude a un estudo publicado recentemente pola revista “Science” no que se afirma que “as nenas se cren menos brillantes ca os nenos a partir dos seis anos”. A conclusión, dramática e desoladora, pon de manifesto que a desigualdade de xénero é un problema estrutural ao que, dun ou doutro xeito, contribúe a sociedade no seu conxunto. Por iso, esta filóloga decidiu escribir un primeiro libro ilustrado sobre unha ducia de mulleres galegas que foron pioneiras nos seus respectivos ámbitos. Hai apenas unhas semanas saíu do prelo a segunda parte, integrada polas biografías doutras once mulleres pioneiras, descoñecidas para o gran público.
– Sermos Galiza (SG): Como xurdiu a idea de escribir Pioneiras?
– Anaír Rodríguez (AR): Desde sempre tiña curiosidade por coñecer todas estas biografías de mulleres que non chegaran ata nós. Coñecía os traballos de Aurora Marco, por exemplo, que recuperou moitísimas biografías de mulleres galegas, ou o Álbum de Mulleres do Consello da Cultura Galega, e pensei que toda esa información que chegaba a lectores específicos pagaba a pena ser divulgada e, sobre todo, facer que chegase as nenas e os nenos, que son dalgunha maneira os que están no momento de configurar a súa visión do mundo e eu creo que é fundamental que todo o legado das mulleres tamén se transmita á xente nova. Partiu dun interese particular e xurdiu a posibilidade de facer os libros e así foi. (…)”