Raúl Dans gaña o XXXVII Premi Born de Teatre de Menorca

O dramaturgo Raúl Dans foi galardoado co XXXVII Premi Born de Teatre, pola obra titulada Una corriente salvaje. O texto, orixinalmente escrito en galego e traducido ao castelán polo propio autor para presentalo ao devandito concurso, é, en palabras de Dans, “unha historia de amor prohibido e tinxido de dramatismo, que se desvela no ambiente pechado dunha casa de montaña durante unha noite de treboada”.
A peza, como destaca a acta do xurado, formado entre por outros profesionais da escena polo director do Teatre Nacional de Catalunya, Xavier Albertí, “ten misterio e suspense, e garda sorpresas até o mesmo final da obra”. Ademais da dotación económica do premio, a entidade organizadora do concurso, o Cercle Artístic de Menorca, ten previsto publicar a peza nos catro idiomas oficiais: catalán, euskera, castelán e galego. Da publicación en galego ocuparase a Revista Galega de Teatro.
Raúl Dans xa gañou este mesmo premio, un dos máis importantes e prestixiosos dos que se convocan en España, no 1997, coa súa obra Derrota.

Actos do “Premi Born de Teatre”

O día 21 de abril, ás 12:00 horas no Salón de Actos do Centro Dramático Galego (Rúa Nova, 34 – Santiago de Compostela), terá lugar a presentación das bases do XXXII Premi Born de teatro.

A xornada tamén albergará a presentación da edición de Origami, obra gañadora do Premi Born de Teatre 2006. Contará coa participación de Carlos Be (autor), Pepe Henríquez (redactor “en Cap” da revista Primer Acto), Antón Lamapereira (Director da RGT) e Raúl Dans, dramaturgo e gañador do Premi Born de Teatre 1997. (Premi Born de Teatre)