Arquivos da etiqueta: Premio Antón Risco de Literatura Fantástica
Allariz: acto de entrega do I Premio Antón Risco de Literatura Fantástica a Antonio Manuel Fraga
“O sábado 12 de marzo, ás 12:00 horas, terá lugar na Fundación Vicente Risco (Rúa San Lourenzo, 3), en Allariz, a entrega do I Premio Antón Risco de Literatura Fantástica, patrocinado pola Fundación Vicente Risco, Urco editora, Gráficas Sacauntos, Libraria Aira das Letras de Allariz, Livraria Traga-Mundos de Vila Real, Fina Rei Reposteiros Artesáns e Restaurante O Pingallo. A obra gañadora desta primeira edición do premio foi Querido H. P. Lovecraft, de Antonio Manuel Fraga, unha novela epistolar que narra os últimos días e os medos máis profundos do escritor estadounidense de pulps Robert E. Howard.”
Antonio Manuel Fraga gaña o I premio Antón Risco de literatura fantástica
Desde Urco Editora:
“Reunido en Ourense, no Restaurante “O Pingallo”, a quinta-feira día 10 de decembro de 2015, o xurado formado por Mario Regueira, Isabel Mociño, Mila da Aira, António Sague e João Madureira e actuando como vogais da Urco editora e sen voto, Tomás González Ahola e David Cortizo Conde, decidiuse que, de entre as dezaoito obras recibidas, o primeiro premio Antón Risco de literatura fantástica recae sobre a obra presentada baixo o título Querido H. P. L. que, logo da apertura da plica, resultou ser da autoría de Antonio Manuel Fraga Allegue.
Asemade, pola súa calidade, o xurado tamén decidiu nomear finalista a obra Peixe Babel, da autoría de Carlos Quiroga, que será premiada coa súa publicación.
En Ourense, 10 de decembro de 2015″
Convocado o I Premio Antón Risco de Literatura Fantástica
“Urco Editora, en colaboración coa Fundación Vicente Risco, Sacauntos Cooperativa Gráfica, Libraría Aira das Letras, Livraria Traga-mundos, Pastelería Fina Rei e Restaurante Pingallo, convocan conxuntamente o I Premio Antón Risco de Literatura Fantástica. (…)
Primeira:
Poderá concorrer a este premio calquera persoa que presente escritos inéditos da súa autoría redactados en lingua galega ou portuguesa conforme a unha das seguintes normativas: RAG, AGAL ou Acordo ortográfico da lingua portuguesa, cunha extensión mínima de 100 folios e máxima de 250.
Segunda:
O prazo de entrega remata o día 31 de agosto de 2015 e os orixinais deberán entregarse na sede de Urco Editora, en Rúa do Avío, 11 baixo – 15705 Compostela, ben de xeito presencial, ben por correo postal ou mensaxería, sen que consten no exterior datos identificativos do/a autor/a.
Terceira:
Para garantir o anonimato, os orixinais presentaranse por quintuplicado e en soporte papel en tamaño DIN-A4, mecanografados en letra Times de corpo 12 por unha soa cara e a dobre espazo, e debidamente encadernados.
Calquera orixinal entregado en letra Comic Sans será automaticamente descartado e o/a autor/a denunciado/a ante as autoridades competentes.
Os orixinais irán acompañados dun sobre fechado que conterá a identidade do/a autor/a (nome completo, enderezo, teléfono e correo electrónico) e o título definitivo da súa obra, facendo constar no exterior só o título ou lema da obra.
Cuarta:
A obra gañadora será premiada con 3000 euros (suxeitos ás retencións fiscais pertinentes) e a publicación do libro.
Quinta:
O Xurado estará composto por cinco persoas escollidas entre personalidades recoñecidas do mundo da literatura e da edición.
Sexta:
Se a calidade literaria das obras non fose estimábel, segundo o criterio do Xurado, o premio poderá declararse deserto.
Sétima:
A contía do premio considérase en concepto de adianto polos dereitos de autor, polo que Urco Editora e demais convocantes, resérvanse o dereito de publicación da primeira edición da obra gañadora en lingua galega. O/A beneficiario/a do premio, recibirá gratuitamente 25 exemplares da obra publicada e na adquisición doutros exemplares contará cun desconto do 50%. Asemade, a persoa gañadora do premio será convidada a formar parte do xurado na seguinte edición.
Oitava:
Os orixinais que non resulten premiados serán devoltos aos seus autores e autoras no caso de o requiriren por escrito antes de rematar o mes seguinte á decisión do Xurado.
Novena:
O fallo do xurado terá lugar en Allariz, na Fundación Vicente Risco, o día 1 de novembro de 2015.
Décima:
A participación neste premio leva de seu a aceptación das presentes Bases, así como a decisión do xurado, que será inapelábel.”