“1. O Concello de Dodro, para honrar a memoria do seu ilustre poeta e contribuír á promoción da poesía galega, manifestación sobranceira da nosa literatura, convoca a XXIV edición do Premio Eusebio Lorenzo Baleirón
2. Poderán concorrer a este certame as poetas e os poetas que o desexen, con cadanseu libro escrito en lingua galega, segundo a normativa vixente.
3. Os poemarios aspirantes ao premio serán de tema e forma libres, cunha extensión mínima de 500 versos e máxima de 800. Deberán ser orixinais e estar inéditos na súa totalidade, condición que se estende ao soporte dixital. No momento do fallo do certame, non poderán estar presentados a ningún outro concurso.
4. Os participantes deberán enviar 4 exemplares da obra, mecanografados, sen remite identificador, ó seguinte enderezo:
XXIV Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón
Concello de Dodro
Tallós, 32
15981 Dodro- A Coruña
5. As obras concursantes deberán ostentar o título e un lema, que tamén figurará no exterior dun sobre que conteña a fotocopia do DNI do autor ou autora, o seu teléfono e enderezo, así como un pequeno currículo literario, no caso de que teña obra publicada.
6. O prazo de presentación das obras remata o día 13 de novembro do ano 2011.
7. A dotación do Premio, único e indivisible, será de 2.300 euros. Se o xurado o considera oportuno, pola baixa calidade dos libros presentados, o premio poderá ser declarado deserto.
8. O xurado será designado polo Concello de Dodro. Formarano o presidente e o secretario –este, con voz e sen voto-, ambos membros da Corporación Municipal, e catro especialistas vencellados á poesía e/ou á crítica literaria. A composición do xurado farase pública cando remate o prazo de admisión de orixinais.
9. O fallo será dado a coñecer nun acto que se celebrará na Casa da Cultura do Concello de Dodro o día 10 de decembro de 2011. A entrega do premio realizarase o día 18 do mencionado mes. As obras non premiadas serán devoltas aos autores que as soliciten no prazo dun mes a contar do día do fallo.
A obra galardoada publicarase dentro da Colección de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón da Editorial Sotelo Blanco, que se reserva os dereitos de edición. A contía do premio será considerada como un adianto dos dereitos de autoría. O autor ou autora recibirá gratuitamente 25 exemplares.
A participación nesta convocatoria implica a aceptación das bases e a interpretación que delas faga o xurado, non admitíndose recurso contra a decisión que este nas suas funcións adopte.”
Arquivos da etiqueta: Premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón
Luís Valle Regueiro gaña o XXIII Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón con Palabras e palabras e palabras
“No día de hoxe, 11 de decembro de 2010, tivo lugar a resolución do Premio de Poesia Eusebio Lorenzo Baleirón na súa edición de 2010, por parte do xurado composto por:
Presidente: don Arturo Díaz Díaz, Alcalde do Concello de Dodro.
Vogal primeira: dona Ánxeles Penas, poeta e tradutora de Eusebio Lorenzo Baleirón.
Vogal segundo: don Modesto Fraga Moure, poeta.
Vogal terceira: dona Dolores Vilavedra, profesora da USC e crítica literaria.
Vogal cuarto: don Daniel Costas, gañador do certame do ano 2009.
Secretaria: dona Victoria Rei Mariño, tenenta de alcalde con delegación na Área de Cultura.
Que acordan, tras a deliberación do xurado, outorgar por unanimidade o premio ao seguinte traballo: Palabras e palabras e palabras. Aberta a plica resultou ser da autoría de Luís Valle Regueiro. O xurado destacou a profundidade temática, a orixinalidade das imaxes, a musicalidade e un impecable coidado da lingua. Salienta tamén a calidade en xeral das obras presentadas, así como o elevado número, o que destaca a importancia que este Certame ten no ámbito da literatura galega.
Para que conste a todos os efectos, asinan acta o sábado 11 de decembro de 2010.
Ademais de emitir a súa resolución, os membro do xurado realizaron unha visita ao cemiterio onde repousan os restos do poeta de Dodro, Eusebio Lorenzo Baleirón para dar testemuño do noso recordo.”
Vía Concello de Dodro. Recollido tamén en A Nosa Terra, La Voz de Galicia, Galicia Hoxe, El Correo Gallego e Cultura Galega.