A Asociación de Escritores en Lingua Galega, agrupada na actualidade entorno a un colectivo de 381 autoras e autores, representantes da creación literaria en lingua galega, expresa o seu apoio aos once escritores galardoados no seu día co Premio Nacional, nas modalidades de narrativa, teatro, ensaio, tradución e literatura infantil e xuvenil, e comparte o seu reclamo da necesaria valoración responsábel e obxectiva para a cultura galega, pensada e (re)creada en galego, entendéndoa sempre integrada nun escenario permeábel e aberto ao mundo desde a procura da necesaria reatroalimentación que comeza polo coñecemento, apreciación e dignificación do propio.
A concesión dos Premios Nacionais aos escritores e á escritora en lingua galega asinantes, por parte do Ministerio de Cultura do Estado español, desde o ano 1985, ratifica a capacidade de os nosos creadores e creadoras seren autores dunha creación literaria exportábel alén das nosas fronteiras que nos enche de orgullo e admiración, e que só require destinatarios e receptores con vontade de se aproximar a ela e interpretala como un legado senlleiro dentro doutros parámetros globais.
Coñecer e recoñecer publicamente a cultura galega en xeral, e a literatura galega dos nosos escritores en particular, é o primeiro paso necesario para superar tópicos arcaicos e caducos e acreditar definitivamente na capacidade, valía e potencial enriquecedor da súa divulgación, materia pendente aínda de abranguer cun proxecto contundente e de futuro.
Actualización: a Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix) informou do seu apoio ao texto da AELG.