Amauta Castro obtén a XXXI edición do Premio Nacional de Poesía Xosémaría Pérez Parallé

“Amauta Castro (pseudónimo literario de Rafael X. Muñoz Castro), nado Euskadi en 1981, obtivo a XXXI edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé, que convoca o Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene, co apoio do Concello de Fene.
O xurado escolleu o libro de Amauta Castro, titulado A tarde. O desacougo de entre 34 obras presentadas a concurso este ano.
Trátase da XXXI edición deste Premio, creado para homenaxear ao poeta fenés Xosemaría Pérez Parallé, coñecido como O Segrel do Penedo. Poeta popular, activista literario, promotor da celebración en Galicia do Día das Letras Galegas que fora instituído polas colectividades galegas do exilio.
O autor galardoado é poeta e tradutor. Di que naceu en Euskadi por accidente, fillo dunha galega e un andaluz emigrados na marxe esquerda do Nervión. Criouse en Vigo pero, en 2004 emigra por razóns de traballo a Salt (Girona) onde actualmente reside. Participou en diversas publicacións colectivas e antoloxías como Dorna, Antoloxía Poética da Diáspora Galega, Andar21, O Ollo Público, O poliedro da soidade ou a Revista Ligeia. Ten colaborado co suplemento “Altermundo” de Galicia Hoxe. Levou a súa voz a diversos festivais e acción poéticas coma o “X Festival de Poesía a les Caves” (Sant Sadurní d’Anoia) e o “Proxecto Catalitzador 2013” (Barcelona). En 2017 resultou gañador do XXXI Certame de Poesía Rosalía de Castro.
A entrega do premio terá lugar o próximo sábado 17 de novembro ás 20h na sede do Círculo Mercantil e Industrial-Unidade en Fene.
O xurado desta edición estivo integrado por Manuel Forcadela, Berta Dávila e Míriam Ferradáns.”

Carlos Lixó gaña o Premio Nacional de poesía Xosemaría Pérez Parallé

Desde La Voz de Galicia:
“A trixésima edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé, que convoca o Círculo Mercantil e Industrial de Fene, xa ten gañador, Carlos Lixó Gómez (Ribeira, 1991), graduado en Historia pola Universidade de Santiago e doutorando en Historia Medieval nesa mesma institución académica compostelá, que actualmente se encontra realizando unha estancia de investigación na Universidade Nova de Lisboa. Lixó fíxose co galardón pola obra Murallas de pedra sen cemento que duran para sempre, o seu primeiro poemario.”

Miriam Ferradáns acada o XXIX Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé

“Omiriam-ferradans Xurado do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé, reunido na sede do Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene, acordou seleccionar como obra gañadora deste ano a titulada Dos nomes de fume, de Miriam Ferradáns Ferradas.
Na acta do Xurado -formado polos escritores Lara Dopazo, Paco Souto e Eduard Velasco– saliéntase coma un valor do libro gañador “o fío narrativo que conduce a quen le ao longo de todas as páxinas”. Tamén se pon de manifesto que “o conxunto, escrito cun estilo limpo e cunha clara vontade de construción dunha voz propia, goza dunha forte unidade e solidez”.
Miriam Ferradáns é natural do concello pontevedrés de Bueu. Diplomada en Traballo Social pola Universidade de Vigo, na actualidade desenvolve traballos relacionados co ensino secundario. (…)”

Jesús Castro Yáñez obtén o XXVIII Premio Pérez Parallé

Desdexurado_paralle_2015-300x201 o Premio Pérez Parallé:
“O xurado da XXVIII edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé, formado por Estíbaliz Espinosa, Estevo Creus e Fran Cortegoso, escolleu hoxe o libro Os nomes e os himnos como obra gañadora da edición deste ano do certame.
Aberta a plica, descubriuse o nome do autor: Jesús Castro Yáñez, poeta nado en Baltar, A Pastoriza, en 1992.
O gañador obtivo, antes deste, outros premios pola súa obra poética: o Minerva, o Xela Arias ou o Ánxel Casal son algúns deles. Recentemente foi galardoado co I Premio de relato breve Nélida Piñón do concello de Cotobade polo relato O vello e o minotauro.
O Premio Pérez Parallé, convócase desde hai xa case trinta anos no Centro Mercantil e Industrial Unidade, de Fene. Colabora con el o Concello de Fene e a editorial Espiral Maior, dirixida polo poeta Miguel Anxo Fernán Vello, que publicará a obra gañadora.
O próximo sábado 21 de novembro terá lugar na sede do Círculo Mercantil a entrega dao premio, nun acto que contará coa presenza de Juventino Trigo, alcalde de Fene e coa actuación da rondalla Estrelecer.”

Eduard Velasco obtén a XXVII edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé

OEduard Velasco xurado do XXVII Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé, reunido na tarde de onte, acordou seleccionar como obra gañadora deste ano a titulada Ruído de trens, do autor catalán Eduard Velasco (aínda que presentada ao certame baixo o pseudónimo de Paca Montaraz). Na acta do xurado, formado por Gonzalo Hermo, Mariña Pérez Rei e Carlos Quiroga, reflíctese que discusión final do premio incluíu un intenso debate sobre varias obras entre as que salientaron, amais da gañadora, as presentadas baixo os lemas Xarda e Malãkh. A entrega do premio está prevista para o sábado 15 de novembro nun acto que se celebrará ás 20 horas na sede do Círculo Mercantil e Industrial Unidade de Fene. (…)
Amais de desvelar o nome do gañador desta nova edición do Premio Pérez Parallé, o xurado acordou reflectir en acta o seu rexeitamento “á censura normativa pola que veñen sendo vitimados galegos e galegas que viven a súa lingua como sendo común coa doutras sociedades”. No caso dos premios literarios, “a calidade artística das propostas non debe ser desconsiderada por seguir unha escolla diferente da pretendidamente oficial para a nosa lingua”, polo que, aseguran, aplicaron este criterio na súa avaliación dos traballos presentados á convocatoria de 2014.
Ademais, acordaron adherirse á campaña “Galego em liberdade”, suxerindo aos organizadores deste premio –e eventualmente de todos os premios literarios de Galiza- que incorporen ás súas bases a non discriminación por cuestión de norma ou modelo lingüístico, “contribuíndo a que as actitudes censoras fiquen como unha reliquia do pasado”.
O Premio Nacional de Poesía, que convoca anualmente o CMI Unidade de Fene estableceuse en homenaxe ao poeta Xosemaría Pérez Parallé, tras o seu pasamento ocorrido en 1987. Desde o ano 2005 o Concello de Fene colabora coa convocatoria do certame, que premia un libro de poesía de autor/a inédito. O libro gañador publícase na prestixiosa editorial Espiral Maior, que conta coa máis extensa colección de poesía da historia da literatura galega. Ademais, desde hai uns anos, o premio incorpora para o gañador ou gañadora unha escultura de cerámica do artista Francisco Pérez Porto, fillo de Xosemaría Pérez Parallé e mais unha pequena dotación económica que este ano se incrementou a 1000 €. (…)”