Adelaida Vidal Vizcaya gaña a XII edición do Premio Vicente Risco de creación literaria

No Concello de Ourense, sendo as trece horas do día vinte e seis de novembro de dous mil once, reúnese o xurado nomeado para o Premio Risco de Creación Literaria de Ourense na súa duodécima edición, e que estivo composto polas seguintes persoas: Arturo Lezcano Fernández (envía a súa valoración por escrito), Xulio García Golpe, Constantino Pazos Sobrino, Fernando Méndez e Ánxela Gracián, en representación da editorial Sotelo Blanco; actuando como secretario Luís Martínez-Risco Daviña, da Fundación Vicente Risco, sendo a Presidenta do Xurado a Concelleira de Cultura, Festas e Festival de Cine, Auditorio e Normalización Lingüística, Isabel Pérez González (sen voz nin voto). O Secretario fai constar o agradecemento a todos os membros do xurado pola súa participación.
Tras unha ampla deliberación, acordouse conceder o XII Premio Risco de Narrativa ao traballo presentado co título: Olladas. O xurado cualifícaa como unha novela na que cómpre salientar un relato minimalista, cheo de realismo e frescura narrativa. Con personaxes moi contemporáneos que apostan polos soños. A trama está sostida por un narrador omnisciente que “todo o sabe”, e no entanto non emite xuízos de valor, deixando que os personaxes teñan autonomía e identidade propias.
O secretario procede á apertura do sobre correspondente, resultando autora da obra gañadora: Adelaida Vidal Vizcaya. En proba de conformidade, subscríbese a presente acta da que eu como Secretario dou testemuño no lugar e data arriba citados.

Ourense, 26 de novembro de 2011

Luís Martínez-Risco Daviña.

Convocado o XII Premio Risco de Creación Literaria

“O Concello de Ourense e a Fundación Vicente Risco, en colaboración coa Editorial Sotelo Blanco, convoca un premio anual de CREACIÓN LITERARIA, co fin de abranguer os diferentes campos da obra, non só de quen foi veciño ilustre desta vila, don Vicente Martínez-Risco e Agüero, senón tamén a do seu fillo, don Antón Martínez-Risco Fernández, veciños que foron desta ilustre cidade. Ao PREMIO RISCO DE CREACIÓN LITERARIA, poderán presentarse novelas, conxuntos de relatos, ensaios, etc. Exclúense, polo tanto, teses académicas ou traballos especificamente científicos, que teñen o seu ámbito propio no PREMIO VICENTE RISCO DAS CIENCIAS SOCIAIS. Para este fin, e tendo en conta a colaboración e opinión da Fundación Vicente Risco, redactáronse as seguintes

B A S E S

– Primeira. Poderá concorrer a este premio calquera persoa que presente escritos inéditos da súa autoría redactados en lingua galega, de acordo coa normativa oficial vixente e cunha extensión mínima de 150 folios e máxima de 300.
– Segunda. Os orixinais presentaranse por sextuplicado en soporte de papel en tamaño DIN-A4 mecanografados en letra Times New Roman de corpo 12 por unha soa cara e a dobre espazo, antes do día 1 de outubro, data do nacemento de don Vicente, de 2011, no Rexistro Municipal do Concello de Ourense.
– Terceira. Cada orixinal irá acompañado dun sobre pechado, co título ou lema no seu exterior, cos seus datos (nome completo, enderezo e teléfono) e o título definitivo da súa obra.
– Cuarta. A obra gañadora será premiada con 6.000 euros e a publicación do libro.
– Quinta. O Xurado estará composto por cinco persoas escollidas entre personalidades recoñecidas do mundo da literatura. A presidencia será exercida pola persoa designada polo Concello de Ourense.
– Sexta. A composición do xurado darase a coñecer pública e oportunamente pouco antes da data de emisión da súa decisión, o sábado 19 de novembro.
– Sétima. Se a calidade literaria das obras no fose estimábel, segundo o criterio do Xurado , o premio poderá declararse deserto.
– Oitava. O Excmo. Concello de Ourense, resérvase o dereito de publicación, sen limitación de número de exemplares nin de edicións, da obra gañadora, reservándose tamén os dereitos de edición desta en todas as linguas coa posibilidade de ceder tales dereitos a terceiros. A contía do premio considérase en concepto de adianto polos dereitos
de autor. O/A beneficiario/a do premio, que se compromete a renunciar expresamente a calquera pretensión sobre os devanditos dereitos, recibirá gratuitamente 25 exemplares da obra publicada. Asemade, a persoa gañadora do premio formará parte do xurado na seguinte edición.
– Novena. Os orixinais que non resulten premiados seranlles devoltos aos seus autores e autoras se os requirisen por escrito antes de rematar o mes seguinte á decisión do Xurado.
– Décima. A participación neste premio leva de seu a aceptación das presentes Bases, así como a decisión do xurado que será inapelable.

Ourense, 30 abril de 2011.”

Ourense: presentación de Deus xogando aos dados, de Fernando Méndez

O mércores 23 de marzo, ás 20:15 h., no Auditorio Municipal de Ourense, terá lugar a presentación da novela gañadora do Premio Vicente Risco de Creación Literaria 2010, Deus xogando aos dados, do xornalista e escritor Fernando Méndez, publicada en Sotelo Blanco.

Fernando Rodríguez Méndez gaña o Premio Vicente Risco de Creación Literaria con Deus xogando aos dados

O xurado do Premio Vicente Risco de Creación Literaria, que organiza a Fundación Vicente Risco de Allariz, a editorial Sotelo Blanco e a Concellaría de Cultura de Ourense, ven de fallar o gañador da súa XI convocatoria. O xurado escolleu a obra do escritor Fernando Rodríguez Méndez, Deus xogando aos dados. O gañador, ademais do premio económico, verá publicado o seu traballo en Sotelo Blanco Edicións. O xurado desta XI edición estivo formando polo xornalista Arturo Lezcano, Ánxela Gracián (en representación de Sotelo Blanco Edicións), Hixinio Puentes (gañador do Risco de Narrativa 2009 pola novela A do Vinte e un), Carme Fernández Pérez San Julián (Profesora da Universidade da Coruña) e Xulio García Golpe; actuando como secretario Luís Martínez-Risco Daviña (en representación da Fundación Vicente Risco).