O xurado declara deserto o XIX Premio Vicente Risco de Creación Literaria

Desde Cultura Galega:
“O xurado do Premio Vicente Risco de Creación Literaria vén de declarar deserto o certame nesta XIXª convocatoria. O punto 6 das bases do Premio que promoven o Concello de Ourense e a Fundación Vicente Risco contempla que se a calidade literaria das obras no fose estimábel, segundo o criterio do Xurado o premio pode quedar deserto como así foi nesta ocasión. David González Domínguez, da editorial Urco; Alberto Ramos, gañador da edición anterior; Serafín Alonso Pintos, profesor de lingua e literatura galegas; Raquel Fernández Parada, profesora de lingua e literatura galegas e Constantino Pazos, profesor de lingua e literatura galegas foron os integrantes deste xurado. Desta volta foron 26 os exemplares presentados que como novidade o fixeron en formato electrónico.”

A verdade nos espellos, de Rubén Eyré, gañadora do XV Premio Risco de Creación Literaria

DesdeVicente-Risco o Concello de Ourense:
A verdade nos espellos é o novo libro gañador do Premio Risco de Creación Literaria que organiza o Concello de Ourense. O xurado vén de resolver a obra gañadora correspondente á XV edición deste certame, que foi elixido dun total de 16 traballos presentados.
A verdade nos espellos é un libro de relatos autoría de Pablo Rubén Jorge Eyré. O xurado destacou que o contexto da literatura galega está moi ligada ao relato tal e como se manifesta neste libro que conecta coa nosa tradición literaria. Asemade subliña como foi artellando os contos, a maneira de traballar os finais, sorprendentes, ben resoltos e destaca tamén a riqueza lingüística do texto e o coidadoso dominio do idioma. Pablo Rubén Jorge Eyré (Rubén Eyré) é natural de Chantada.
O xurado desta XV Edición do Premio Risco de Creación Literaria estivo formado por:
– Rubén Martínez Alonso, gañador da pasada edición.
– María Garrido, profesora de ensino secundario.
– Constantino Pazos Sobrino, profesor de ensino secundario.
– Ánxela Gracián, responsable editorial Sotelo Blanco.
Luís Martínez-Risco, representante da Fundación Vicente Risco.”

Adelaida Vidal Vizcaya gaña a XII edición do Premio Vicente Risco de creación literaria

No Concello de Ourense, sendo as trece horas do día vinte e seis de novembro de dous mil once, reúnese o xurado nomeado para o Premio Risco de Creación Literaria de Ourense na súa duodécima edición, e que estivo composto polas seguintes persoas: Arturo Lezcano Fernández (envía a súa valoración por escrito), Xulio García Golpe, Constantino Pazos Sobrino, Fernando Méndez e Ánxela Gracián, en representación da editorial Sotelo Blanco; actuando como secretario Luís Martínez-Risco Daviña, da Fundación Vicente Risco, sendo a Presidenta do Xurado a Concelleira de Cultura, Festas e Festival de Cine, Auditorio e Normalización Lingüística, Isabel Pérez González (sen voz nin voto). O Secretario fai constar o agradecemento a todos os membros do xurado pola súa participación.
Tras unha ampla deliberación, acordouse conceder o XII Premio Risco de Narrativa ao traballo presentado co título: Olladas. O xurado cualifícaa como unha novela na que cómpre salientar un relato minimalista, cheo de realismo e frescura narrativa. Con personaxes moi contemporáneos que apostan polos soños. A trama está sostida por un narrador omnisciente que “todo o sabe”, e no entanto non emite xuízos de valor, deixando que os personaxes teñan autonomía e identidade propias.
O secretario procede á apertura do sobre correspondente, resultando autora da obra gañadora: Adelaida Vidal Vizcaya. En proba de conformidade, subscríbese a presente acta da que eu como Secretario dou testemuño no lugar e data arriba citados.

Ourense, 26 de novembro de 2011

Luís Martínez-Risco Daviña.