A cerimonia de entrega dos Premios Xerais 2009, que se celebrará o vindeiro sábado 6 de xuño a partir das 19:00 horas na illa de San Simón poderá ser seguida en directo por Internet dende a páxina Blogaliza TV. Xerais conta coa colaboración de Blogaliza para poñer en marcha por vez primeira nun acto literario galego unha iniciativa coma esta. Para seguir a retransmisión Blogaliza dispuxo dunha páxina de axuda. A partir do domingo no blog de Xerais e no seu perfil de Facebook publicaranse unha selección das gravacións da cerimonia.
Arquivos da etiqueta: Premios Xerais
Finalistas dos Premios Xerais
Edicións Xerais deu a coñecer a última hora do pasado venres os lemas das obras finalistas aos seus premios. Poden ler a noticia no blog da editorial.
Xerais anuncia a composición dos xurados dos seus premios
O luns 1 de xuño daránse a coñecer as obras finalistas da edición 2009 dos premios Xerais. Os xurados declararán as obras finalistas na súa primeira reunión, que se celebrará o venres, 29 de maio. Os premios serán fallados o sábado 6 de xuño na illa de San Simón.
Edicións Xerais de Galicia, unha vez pechado o prazo de admisión de orixinais dos seus premios literarios 2009, nomeou aos membros dos tres xurados. O xurado da XXVI edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 25.000 euros e no que concorren corenta e cinco obras, está formado por: Ana Bande Bande (bibliotecaria), César Lorenzo Gil (xornalista), Paz Raña Lama (profesora), Sonia Díaz (xornalista), Bieito Legaspi (profesor e membro de Espazo Lectura) e Fran Alonso (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto.
O xurado da IV edición do Premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil, dotado con 10.000 euros e no que concorren dazanove obras, está formado por: Verónica Rego (en representación da Fundación Caixagalicia),Mónica Góñez (profesora e escritora), Pilar Ponte Patiño (profesora), Alba González Méndez (estudante de 4ª da ESO, IES Os Rosais de Vigo), Amanda Bouzada Novoa (estudante de 4º da ESO do IES Os Rosais de Vigo) e Xosé Manuel Moó Pedrosa (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto.
O xurado da XXIV edición do Premio Merlín de literatura infantil, dotado con 10.000 euros e no que concorren vinte e catro obras, está formado por: Rosana Estévez (contacontos e membro de Espazo Lectura), Santiago Gutiérrez (ilustrador), Mercedes Pacheco (tradutora), Mª Xesús Pereiro (escritora infantil e profesora), Xan Guillén Vázquez (profesor e coordinador do Premio Literario Frei Martín Sarmiento) e Helena Pérez Fernández (secretaria do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto.