Vídeo do Vento Lois no Antigo Cárcere da Coruña, o 12 de maio

Vídeo do Vento Lois no Antigo Cárcere Provincial da Coruña o 12 de maio de 2011, coa música de Ulträqäns e Loretta Martin e a poesía de Cesáreo Sánchez Iglesias, Antía Otero e Xulio López Valcárcel, nun acto coa presentación de Xurxo Souto e Manuel Rivas. O vídeo foi realizado por Blogaliza.tv:

Retransmisión en directo da gala dos Premios Xerais o sábado 11 de xuño

O sábado 11 de xuño daranse a coñecer os gañadores dos Premios Xerais nun acto literario que terá lugar na illa de San Simón, no que a escritora María Xosé Queizán actuará como mantedora literaria. Como en edicións anteriores o acto será transmitido en directo por internet por Blogaliza.tv e no blogue de Xerais.

Coñécense os finalistas dos Premios Xerais

“Reunidos hoxe 3 de xuño de 2011 no Castelo de Soutomaior, os xurados dos Premios Xerais 2011 elixiron os finalistas de cada unha das modalidades.
O xurado da XXVIII edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 25.000 euros e no que concorreron corenta obras formado por Francisco Pérez Lorenzo (xornalista), Pemón Bouzas (escritor e xornalista), Paula Gómez del Valle (fotógrafa e profesora), Jorge da Cunha (notario), Berta Dávila (escritora) e Fran Alonso (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto escolleu como obras finalistas as presentadas baixo os lemas Extramunde, O caso Ocaso e Todo home é coma a lúa.
O xurado da V edición do Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil, dotado con 10.000 euros e no que concorreron vinte e tres obras formado por Isabel Bilbao Freire (representante da Fundación Caixa Galicia), Susana Piñeiro Paz (profesora de Secundaria), María Dolores Tobío Iglesias (profesora de Secundaria), Sabela Vilar Estévez (estudante de 4º da ESO), Andrea Ramos Queixas (estudante de 3º da ESO) e Xosé Manuel Moo Pedrosa (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto escolleu como obras finalistas as presentadas baixo os lemas Ánxela, Gabirro e Pelouro.
O xurado da XXVI edición Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros e no que concorreron corenta e seis obras, formado por Rodrígo Chao Blanco (ilustrador), Julia González González (mestra de Primaria e bibliotecaria), Antonio Reigosa Carreiras (escritor e gañador do Premio Merlín, 1998), Ángeles Roca López (bibliotecaria), Gracia Santorum López (profesora de Secundaria e blogueira), e Helena Pérez Fernández (secretaria do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto escolleu como obras finalistas as presentadas baixo os lemas O carreiro das formigas, Prometeo e Trampa de luz.
O fallo de cada un dos premios darase a coñecer no serán do sábado 11 de xuño, no acto literario que terá lugar na illa de San Simón e no que a escritora María Xosé Queizán actuará como mantedora literaria. Como en edicións anteriores o acto será transmitido en directo por internet por Blogaliza.tv.” Vía Xerais.

Os Premios Xerais 2009 poderán ser seguidos por Internet

A cerimonia de entrega dos Premios Xerais 2009, que se celebrará o vindeiro sábado 6 de xuño a partir das 19:00 horas na illa de San Simón poderá ser seguida en directo por Internet dende a páxina Blogaliza TV. Xerais conta coa colaboración de Blogaliza para poñer en marcha por vez primeira nun acto literario galego unha iniciativa coma esta. Para seguir a retransmisión Blogaliza dispuxo dunha páxina de axuda. A partir do domingo no blog de Xerais e no seu perfil de Facebook publicaranse unha selección das gravacións da cerimonia.