Entrevista de Marcos Pérez Pena a José-Maria Monterroso Devesa en Praza:
“(…) – Praza (P): Que destacarías da túa traxectoria? Ollando cara atrás, de que cousas estás máis orgulloso?
– José-Maria Monterroso Devesa (JMMD): Eu sempre insisto en que son un amador da cultura. Todo o que fixen xiraba ao redor da filosofía de divulgar de forma directa a cultura e a lingua galega, o tema dos apelidos, dos topónimos… Para iso valinme da prensa, das charlas, dos libros… É difícil resumir 50 anos. Ademais agora eu levo un tempo un pouco á marxe, porque adoito pasar varios meses ao ano no Uruguai. O último libro que publiquei foi en 2023 na editorial Medulia e foi unha escolma de 70 artigos en prensa que van dende os anos 70 sobre diversas materias. Ese libro reflicte ben o que foi a miña actividade nestas décadas. (…)
– P: Este ano, ademais, vaise celebrar o 75 aniversario do Sempre en Galicia, o programa radiofónico iniciado en 1950 en Radio Carve e que segue a ser a emisión radiofónica en galego máis lonxeva. Haberá que celebralo como se merece?
– JMMD: Si, eu aí colaborei esporadicamente e é algo realmente excepcional. Hai moita xente en Galicia que non valora suficientemente o valor de que se manteña durante tantos anos un programa en galego, unha audición que foi fundada polos galeguistas históricos en 1950, pero que desaparecidos estes seguiu o seu camiño a través das seguintes xeracións, o que lle dá aínda máis mérito. Hoxe, grazas ás novas tecnoloxías, o programa colleu máis pulo e é raro o domingo que non entrevistan a través do whatsapp a persoas novas da Galiza que son importantes. É un programa que está moi vivo.
– P: Ti dedicaches boa parte da túa vida ao estudo e difusión da cultura e da lingua galegas. Es optimista de cara ao futuro da lingua?
– JMMD: Como dicía Amaro Orzán, do doutor Álvaro Paradela, eu son ‘pesioptimista’. Para sobrevivir e superar os problemas que estamos a pasar neste mundo, hai que ter un optimismo innato, porque doutro xeito é imposible. Eu sei perfectamente que agora se fala menos galego, pero non teño tan claro que estea retrocedendo noutros ámbitos: vexo outros campos nos que o galego está máis presente que antes, por exemplo nos carteis e na publicidade. É un uso interesado ou litúrxico? Non o sei, pero hai cousas que permiten ser optimistas.
Sempre dixen que o galego debía beber do portugués no que atinxe á norma escrita; ningunha lingua ibérica ten a transcendencia mundial que ten o galego a través do portugués, aí estamos desperdiciando unha oportunidade. (…)”