Entrevista a Juan Parcero na revista A Movida:
“(…) – A Movida (AM): A novela [A soidade selénica] é ciencia ficción pero moitas das cousas das que falas, como as guerras, pertencen un pouco xa a este presente. Nun momento da novela dise: “a realidade supéranos mentres pensamos en que o que sucede é imposible”. Cres que a literatura é, entón, coma unha premonición, capaz de adiviñar o futuro?
– Juan Parcero (JP): Mesmo o realismo máis febril ten unha pouca de premonición. Desde o intre en que pasamos a papel os nosos pensamentos, estamos pensando no futuro, no que cremos que vai suceder. Eu teño esperanza de que a miña novela non sexa nunca realidade. Aínda creo que podemos, como especie, darlle volta a todo o dano que lle estamos a facer ao noso planeta. Pero non sei como se vai mesturar iso co imparable desenvolvemento tecnolóxico, co despegue na astronáutica, coa incesante fame de poder. A literatura pode ser refuxio e tamén espello, pode ser adianto do futuro ou recordo do pasado. O que fagamos con ela, dependerá dos lectores e lectoras.
– AM: Moitas novelas xogaron ao longo do tempo coa fin do mundo, e ti vólvelo facer. Como é esta fin do mundo, a que recreas en A soidade selénica?
– JP: Nos oitenta, vivíase, coa Guerra Fría, un medo constante á destrución nuclear. Era algo que se daba por descontado. Nos 2000 semellou que esa ameaza ía a menos, mais agora volvemos a temer que todo se destrúa. Eu, como fillo dos 80, sempre tiven claro ese medo. E na novela fago que ese temor sexa certo. Mesturo unha crise nuclear co asolagamento case absoluto da Terra e recreo un mundo case oceánico. Entre liñas, pódese ver que a colaboración entre nós, entre os seres humanos, é tan necesaria como complexa. E penso que aínda non estamos preparados para a plena colaboración. De maneira troncal. Non temos o sentimento de especie.
– AM: Xogas na novela coa humanidade e coa falta dela, pois as personaxes teñen sentimentos que entendemos todas as persoas como “o medo a perder o olor dunha sardiña asada”, pero tamén se fala de DAB e doutros conceptos inventados. Como consegues mesturar estes dous estilos?
– JP: Todo libro de ciencia ficción ten unha compoñente técnica, de adianto tecnolóxico, de imaxinar un futuro no que o desenvolvemento a todos os niveis da ciencia vaia crecendo e mellorando non só a calidade de vida, senón como entendemos as nosas relacións, as nosas propias capacidades. Hai moita ciencia ficción que combina esas dicotomías, pero négome a ter que caer nela, no eterno debate do si ou o o non, do extremo ou a grandilocuencia. Entre eses dous puntos hai unha infinita variedade. Tanta como opinións ou coñecementos se teñan. A realidade é unha. A percepción ou a verdade é poliédrica, depende de cada cal. Igual que a humanidade, entendida como sentimento colectivo.
– AM: Como persoa agradecida, na túa novela atopamos algunhas referencias a cousiñas que che gustan, como por exemplo o Solaris, de Stanislaw Lem. A quen máis admiras no eido da ciencia ficción, tanto na literatura como no cinema?
– JP: Si, a novela está chea de referencias, tanto á literatura como ao cinema de ciencia ficción. As miñas películas favoritas, as que sempre vexo, son de ciencia ficción, teñen algo magnético para min. Crónicas marcianas, de Bradbury, a saga da Fundación, de Asymov, o Solaris, de Lem, son obras que marcan todo o meu imaxinario. Pero no cine o impacto é case tan forte. Películas como 2001, Odisea no espazo, de Kubrick ou o Blade Runner, de Scott son obras magníficas e ás que sempre volvo. Pode que o meu favorito sexa Bradbury, porque todos os temas que toca os mestura cunha prosa rica, directa, chea de melancolía. Encántame. (…)”