Queres publicar con nós?

Queres publicar con nós?

Boas! Se sodes escritores e queredes publicar, este correo é para vós. Redelibros acaba de asinar un acordo cun grupo de empresas galegas do sector editorial para crear unha plataforma galega de edición que vos oferta servizos integrais de edición a través da rede.
Algueirada Cultural, Meubook, Niké, Pío García Edicións e a rede social do libro galego Redelibros unen esforzos para ofrecer a escritores independentes servizos integrais de edición, maquetación, deseño, impresión baixo demanda, conversión a formatos dixitais, distribución, promoción e venda.
Os autores que o desexen, sexan noveis ou xa con obra publicada, poderán xestionar integramente a través da rede social Redelibros a publicación e distribución das súas obras, tanto en formato papel como dixital (ebook). Asimesmo, poderán acceder a unha serie de ferramentas gratuítas para autores para promocionar as súas obras, como ficha do libro na rede, páxina persoal en Redelibros e Facebook, tendas online, etc.
A edición de autores independentes está a supor un cambio de paradigma no mundo editorial, facilitado polas novas ferramentas tecnolóxicas informáticas. En Redelibros pensamos que é a hora de lanzarse cara adiante. Se queres publicar o teu libro, non deixes de consultar a nosa completa guía de edición.
Queres saber máis? Preme aquí.

Convocado o I Certame de Relatos Tempos Dixitais por Redelibros e Meubook

Redelibros e Meubook convocan o I Certame de Relatos Tempos dixitais para fomentar a creatividade e a escrita en lingua galega na rede 2.0.
Os beneficios das vendas do volume de relatos que se publicará cos relatos seleccionados serán doados a unha asociación sen ánimo de lucro a prol do fomento da lectura e/ou o uso do galego elixida polos usuarios da rede social.

BASES

Participantes. Poderán participar todas as persoas maiores de 14 anos, de calquera nacionalidade.
Requisitos. Cada autor poderá presentar un máximo de dous relatos, sempre que sexan orixinais e inéditos. As obras han de estar escritas en galego e en forma narrativa. A temática será libre. A extensión mínima dos relatos é de 20.000 matrices (caracteres con espazos) e máxima de 50.000 (entre 10 e 25 páxinas).
Presentación das obras. Para participar no certame, o/a autor/a deberá estar rexistrado como usuario na Redelibros. Para presentar os relatos, deberá publicalos na sección Textos da rede social e seleccionar, no momento de facelo, a categoría Tempos dixitais creada ao efecto.
Prazo de admisión. O prazo de admisión comprenderá dos días do 3 de outubro ao 30 de novembro de 2011.
Votacións e premios. Concordando coa filosofía participativa da rede, os relatos subidos serán votados e comentados por todos os usuarios de Redelibros que así o desexen mediante o sistema de valoración por estrelas que aparece na parte inferior de cada texto subido. Só entrarán na selección final os relatos que teñan un mínimo de cinco valoracións de usuarios. Por este método elixiranse os cinco primeiros clasificados.
Paralelamente, un xurado elixido por Meubook e Redelibros seleccionará dous relatos máis (que poden coincidir ou non cos máis votados). O anuncio definitivo dos seleccionados farase nun acto público o 4 de decembro, no Culturgal (Pontevedra). Todos os relatos premiados serán publicados por Meubook e Redelibros nun volume conxunto, en formato epub e papel (impresión baixo demanda) e distribuídos na tenda online de Meubook e na de Redelibros. A cada autor seleccionado seranlle entregados dous exemplares en papel e un epub. Os beneficios das vendas do volume de relatos serán doados a algunha asociación sen ánimo de lucro a prol do fomento da lectura e/ou o uso do galego, que será proposta e elixida polos usuarios de Redelibros e Meubook no espazo habilitado para ese fin na rede social.
Propiedade. Redelibros e Meubook resérvanse os dereitos de edición, publicación e venda da edición do volume seleccionado. Non obstante, os autores conservarán todos os dereitos sobre os seus traballos e serán libres de editar ou publicar os seus relatos de calquera outra forma ou con calquera outra editorial. No caso de que as obras premiadas sexan obxecto de posteriores publicacións, deberán levar en lugar visible a reseña de que foron Premio do Certame de Relatos Tempos dixitais convocado por Redelibros e Meubook.
Organización. A organización resérvase o dereito de tomar iniciativas non reguladas nestas bases, sempre que considere que poden contribuír a un maior éxito do certame.

En Galiza, a 3 de outubro de 2011

Redelibros 2.0: comezan os cambios

“Durante un ano, Redelibros foi crecendo non só en usuarios, senón tamén en servizos -aí está a tenda de redepuntos, os Cadernos Redelibros, os Concursos, os Textos, o Fisgando na rede e tantas outras seccións non previstas inicialmente, moitas incorporadas grazas ás vosas suxestións. Pero xa sabedes que a rede é un terremoto continuo, e nós non queremos quedarnos agochados baixo o colchón. Cremos que Redelibros xa está suficientemente madura para dar o seguinte paso: para seguir evolucionando. Por iso, nas próximas semanas asistiremos a unha chea de cambios importantes, algúns relacionados co aspecto da rede e outros cos novos servizos que iremos incorporando. (…)”. Vía Redelibros.

Armando Requeixo: Crítica literaria galega 2.0, ciberensaio e blogocrítica

Artigo de Armando Requeixo en Cadernos Redelibros:
“O universo cibernético que redimensiona a nosa realidade de cidadáns do século XXI disparou os procesos de produción-recepción literarios cara a novas rexións incógnitas ata o de agora, tronzando fronteiras e abrindo devasas que descoñeciamos. Naceu entón a ciberliteratura e o ciberlector, parentes próximos do autor e o lector tradicionais, mais con casa de seu e riscos definitorios privativos.
Así as cousas, non debería estrañar que tamén entre os axentes mediadores a figura do crítico literario sentise a necesidade —mesmo se vise dalgunha maneira impelido— a adaptarse ás novas regras de xogo, pois se o produtor e o consumidor son, en parte, outros, tamén quen lles serve de ponte de unión precisa reinventarse.
Doutra parte, non digo nada novo se afirmo que a prensa en papel (lugar no que adoitamos dende sempre exercer o noso oficio os críticos, amén de nas revistas especializadas de restrinxida circulación) está inmersa nun traumático proceso de reestruturación que aínda non sabemos a onde a levará, pero no que todo parece indicar que o espazo que se reservará ao comentario de libros será cada vez máis e máis exiguo e, quen sabe, talvez nalgún momento nin será.
Nesa encrucillada na que nos atopamos xorde a crítica literaria galega na Rede. E nace concentrando os seus esforzos, sobre todo, nos (we)blogs ou bitácoras, en menor medida nas páxinas de autor ou soportais corporativos, aínda que tamén.
Como particular derivación do ciberensaio, a blogocrítica galega entendo que ten xermolado dende a necesidade de ofrecer solucións viables a diversas problemáticas que nos acoraron de vello como profesionais. Do mesmo xeito, coido tamén que a blogocrítica é susceptible de se definir como un xénero singularizado respecto da crítica en soporte non internetiano. Nas liñas que seguen tentarei explicar máis polo miúdo ambas e dúas ideas. (…)”

Obradoiro de Escritura de Microcontos online, por Xosé Manuel Eyré, en Redelibros

A rede social galega do libro Redelibros organiza, en colaboración con Xosé Manuel Eyré, crítico literario e especialista en Literatura Mínima, o primeiro Obradoiro de Escritura de Microcontos online, dirixido ás usuarias e usuarios de Redelibros que queiran profundar nas técnicas específicas de redacción desta orixinal modalidade literaria. O obradoiro é, por suposto, aberto e gratuíto, pero só conta con vinte prazas, que serán adxudicadas en rigorosa orde de inscrición. Máis información aquí.