No Hotel Os Escudos de Vigo deuse a coñecer no serán do sábado 17 de novembro o ditame da trixésimo quinta edición dos Premios da Crítica Galicia na súas modalidades de Creación Literaria, Investigación, Música, Iniciativas Culturais, Artes Plásticas e Visuais e Artes Escénicas e Audiovisuais.
Baixo o lema Galicia como tarefa, recollido dun título de Valentín Paz Andrade, xuntáronse máis de trescentas persoas representativas dos diversos ámbitos da política, da sociedade e da actividade cultural do país, entre as que se atopaban Abel Caballero, alcalde de Vigo; Xesús Vázquez Abad, conselleiro de Educación e Cultura; Anxo Lorenzo Suárez, secretario xeral de cultura; Valentín Gómez, secretario xeral de política lingüística; Ana Isabel Vázquez, delegada de Cultura da Deputación Provincial de Pontevedra; Santiago Domínguez Olveira, voceiro do BNG no concello de Vigo; Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG; Luís González Tosar, presidente do PEN Club de Galicia e Francisco Castro, presidente de GALIX, entre outros.
Bieito Ledo, presidente da Fundación Premios da Crítica Galicia, abríu o acto, conducido por Comba Campoy, saudando aos asistentes e lembrando a importancia desta triséximo quinta edición na que a Fundación edita o libro 35 anos de cultura, así como facendo un chamamento á valentía e sabedoría de nós os Galegos para facerlle fronte á realidade actual.
– O xurado da modalidade de Creación Literaria, formado por Ana Romaní Blanco, Luciano Rodríguez Gómez, Olivia Rodríguez, Fina Casalderrey Fraga, Isabel Mociño González, Xavier Lama e Blanca Roig Rechou, que actuou como secretaria, acordou outorgar por unanimidade o premio a Fantasmas de luz de Agustín Fernández Paz publicado por Edicións Xerais de Galicia. O xurado apuntou como razóns para premiar esta obra “a súa capacidade de enfiar cine e literatura na arquitectura da novela, unha das marcas poéticas do autor; o tratar problemas da sociedade de hoxe que levan á invisibilidade dos excluídos, aínda que a historia se sitúe nunha etapa anterior á crise; o facelo con humor, fina ironía e unha ollada atenta aos problemas profundos da nosa sociedade; e, por último, pola súa mensaxe final que, malia as denuncias, está cargada de optimismo e esperanza nun futuro mellor.
– O xurado da modalidade de Investigación, formado por Jorge Mira Pérez, Xosé Manuel Beiras Torrado (que desculpou a súa ausencia), Mercedes Brea López, María del Mar Lorenzo Moledo, Ricardo Garcia Mira, José María Barja e Ernesto Sánchez Pombo, que actuou como secretaría, acordou outorgar por unanimidade o premio á edición de Regreso a Compostela de Edith Wharton preparada por Patricia Fra López editada polo Servizo de Publicacións da Universidade de Santiago.
– O xurado da modalidade de Música, formado Rodrigo Romaní, Javier Otero Neira, Abe Rábade, Marión Sarmiento, Carlos Villanueva, Maximino Zumalave e Anxo Tarrio Varela, que actuou como secretario, acordou outorgar o premio por unanimidade á Asociación Galega de Compositores.
– O xurado da modalidade de Iniciativas Culturais, formado por por Manuel Rosales, Iago Martínez, Anxos Sumai, Carme Vidal, María Xosé Porteiro, Germám Ermida e Xavier Senín, que actuou como secretario, acordou outorgar o premio á Asociación O Sorriso de Daniel.
– O xurado da modalidade de Artes Plásticas e Visuais, formado Anxo Cabada, Suso Cubeiro, Álvaro de la Vega, Iñaki Martínez Antelo, Asunta Rodríguez, Teresa Táboas e Charo Portela, que actuou como secretaria, acordou tras recoñecer todas as propostas achegadas polos membros do xurado como de grande valor, outorgar por unanimidade o premio a Carmen Nogueira.
– O xurado da modalidade de Artes Escénicas e Audiovisuais, formado Isabel Blanco, Mariana Carballal, Miguel Anxo Fernández, Gustavo Pernas, Mamen Quintas, Xesús Ron e Inma López Silva, que actuou como secretaria, acordou por unanimidade outorgar o premio a Xosé Manuel Olveira “Pico”.
Vigo, 17 de novembro de 2012