Arquivos da etiqueta: Revista Viceversa
Alberto Álvarez: “Recibir o premio Xela Arias foi un recoñecemento á revista e ao seu labor como tradutora”
Desde Nós Diario:
“A revista Viceversa. Revista galega de tradución vén de recibir o Premio Xela Arias 2021, outorgado pola Asociación Galega de Profesionais da Tradución e a Interpretación. A publicación é editada polo Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo e coordinada polos docentes da Facultade de Filoloxía e Tradución Alberto Álvarez Lugrís e Ana Luna Alonso. Polo seu consello de redacción pasaron persoeiros tan importantes das letras galegas como a propia Xela Arias ou o seu pai, Valentín Arias.
– Nós Diario (ND): Cal foi o punto de inicio da revista?
– Alberto Álvarez Lugrís (AA): Viceversa fundouse no ano 1995. Nese proceso participaron un grupo de persoas que estaban vencelladas ao Departamento de Filoloxía da Universidade de Vigo e á asociación de tradutores galegos. Naceu porque xurdira a necesidade de ofrecer textos académicos para a formación do alumnado en galego, e dar saída á produción científica que se comezaba a elaborar sobre a tradución na Galiza e vista desde o país… A revista preocupouse desde o principio de que todos os textos, tanto os de aquí como os de fóra da Galiza, fosen en galego. A normalización da lingua no ámbito académico era un dos obxectivos dos seus fundadores. Nese primeiro equipo estaban, entre outras, María Camiño Noia Campos, que foi a súa primeira directora, e Valentín Arias.
– ND: Como evolucionou a revista desde o primeiro número?
– AA: A estrutura básica da revista e as seccións son as mesmas. Porén, ampliouse a variedade dos traballos que se publican. A revista ten unha sección sobre ferramentas para facilitar o traballo de tradución e interpretación de textos, e ultimamente démoslle unha volta para incluír máis contidos relacionados coa didáctica. Nos vinte e cinco anos de vida que ten a revista, o número de profesionais que viven do sector da tradución en galego non fixo máis que aumentar. Dáselle cabida á mirada destes profesionais sobre a propia profesión e sobre a situación actual do sector. Ademais, intentamos ampliar a nómina de profesores do resto do Estado español e doutros países.
– ND: Como se fai a escolla de persoas colaboradoras para cada número da revista?
– AA: Temos a convocatoria de recepción de artigos aberta todo o ano, pero o número de cada ano féchase en setembro do ano anterior, para que se poidan levar a cabo os labores de edición e maquetación. Máis que escoller colaboradoras, recibimos propostas de textos que despois pasan por un comité de avaliación. Se hai algún tema de relevancia que consideremos que se debe tratar, o consello de redacción contacta coa profesional que máis coñecemento para que escriba sobre el. Temos outro apartado, chamado Traducións Xustificadas, no que as propias tradutoras fan unha reflexión sobre como traduciron unha determinada obra.
– ND: Que supón para Viceversa recibir o Premio Xela Arias da Asociación Galega de Tradutoras?
– AA: É o recoñecemento a toda unha traxectoria de vinte e cinco dedicados ao sector da tradución. Para a revista e para as persoas que entregaron o seu esforzo para sacar adiante o proxecto. Ademais, supón unha gran ledicia, xa que Xela participou do consello da revista desde a fundación de Viceversa até o seu pasamento. Para nós é un duplo recoñecemento. Tamén é unha oportunidade para dar a coñecer todo o traballo que hai detrás do sector da tradución.
– ND: As institucións galegas coidan e apoian o suficiente o sector da tradución?
– AA: En absoluto. Estivemos moitísimo mellor hai anos. O sector literario en galego ten un público potencial reducido, polo que necesita axudas e financiamento que, coas contías actuais, fan imposíbel acadar o obxectivo de cultivar a lingua e a literatura en galego. No caso da tradución, vivimos unha situación semellante. Necesitamos financiamento, non tanto para as tradutoras senón para enriquecer a cantidade de textos que a sociedade ten á súa disposición. Nestes últimos anos, as axudas descenderon drasticamente, e as que se outorgan fanse dunha maneira que, como mínimo, poderíamos considerar como opaca e carente de total criterio. A tradución é o último interese da Administración.”