Entrevista de César Lorenzo Gil a Xosé Antonio López Teixeira en BiosBardia:
“Rex et Regina. Urraca, Afonso Raimúndez e a monarquía galega (Toxosoutos) gañou o Premio de Historia Medieval de Galiza e Portugal 2013. Nesta obra, o historiador Xosé Antonio López Teixeira (Vigo, 1957) defende o poder que a Igrexa e a nobreza galegas tiñan no século XII no cerne do que a historiografía española oficial aínda hoxe define ben como reino de León ou directamente Coroa de Castela. Tamén serve este libro para reivindicar as calidades como político de Pedro Froilaz, o conde de Traba, que viviu sempre á sombra da fascinación que espertou a todos os niveis Diego Xelmírez.
– BiosBardia: A pesar de que aumentaron as publicacións que reivindican a existencia do reino medieval de Galicia, segue a ser heterodoxo encontrarse con textos coma o seu, que explican que a monarquía galega era hexemónica na política occidental cristiá ibérica até o século XIII.
– Xosé Antonio López Teixeira: A liña oficial de investigación da USC fai historia de España desde Galicia. Houbo tradicionalmente varias liñas de estudo sobre historia social, cos Irmandiños como gran símbolo. Son os propios historiadores medievais galegos os que renuncian a facer historia política. É máis, hai quen nos acusa de facermos “historia dos reis”. Non, intentamos cubrir o oco que hai na historia do poder, para coñecermos como se organizaba o territorio e quen mandaba nel. E se se analiza a documentación diplomática daqueles séculos vese que a Galicia histórica era hexemónica. (…)”