Manuel Rivas: “Sen imaxinación queimaríanos o inferno, a imaxinación si que é un refuxio climático!”

Entrevista de Rodri García a Manuel Rivas en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Por que unha novela negra?
– Manuel Rivas (MR): Escribes unha novela, entre outras cousas, porque non podes explicar a realidade doutro xeito. Cousas que ás veces vemos desde un realismo simple poden parecernos mundos afastados. A novela pon en cuestión ese simplismo do branco e negro, e mesmo de facer valados. Aquí as cousas están moi tecidas.
– LVG: E as realidades enfrontadas…
– MR: Penso que o máis interesante xorde cando se comunican dous contrarios. Aquí hai momentos en que o infernal é o cómico se xuntan, pero tamén personaxes con caracteres que son duros pero afastados, como é o Amadeo construtor e o Outro [Antón], que non ten un peso. Enténdense ben porque se necesitan no sentido de que teñen curiosidade os dous. Este é un mundo que non propicia o encontro entre contrarios, máis ben levanta moitos muros, sitúa a xente en estratos, en capas. E perdemos o mellor da paisaxe humana e da paisaxe natural. Os humanos, en vez de ser o centro do mundo, son enxertos que están nunha paisaxe, nunha xeografía, e grazas á imaxinación podemos oír o latexo da natureza, a resistencia. Os animais tamén resisten… Ás veces dis estas cousas e hai xente que di: «Fáltalle un sulfato» [ri].
– LVG: Iso non está no que din do protagonista: Chóvelle no tellado, ten o casco avariado, fáltalle un rego, está en menos cuarto…
– MR: Faltoume o de «está sen sulfatar». O rapaz, falando doutro veciño que fai bromas con eses ditos, rosma: «Non é o único imbécil que me considera un imbécil». [risas]. Escribir, posiblemente, é a necesidade de explicar moitas cousas, as zonas de sombra, os lados escuros, pero tamén os lados ás veces marxinados, como pode ser ese humor popular, a imaxinación… A imaxinación semella hoxe en día que é algo obsoleto, asóciase cos contos, coa fantasía, e nada máis diferente: É un xogo de chaves que nos serven para abrir a realidade. Aquí as chaves sempre se usan para pechar. O que fan falta son xogos de chaves para abrir. (…)”