Crónica fotográfica do Roteiro pola Coruña no centenario de María Casares, por Arancha Estévez

Estas son algunhas das fotografías do Roteiro pola Coruña no centenario de María Casares con Arancha Estévez, celebrado o pasado 29 de outubro. A crónica fotográfica completa (obra de Beatriz Maceda Abeleira) pode verse aquí.

Roteiro pola Coruña no centenario de María Casares, por Arancha Estévez, o 29 de outubro

O Roteiro pola Coruña no centenario de María Casares, guiado por Arancha Estévez, é unha iniciativa da AELG desenvolvida co apoio da Deputación da Coruña.

Terá lugar o sábado 29 de outubro, ás 12:00 horas, na cidade da Coruña, cunha duración aproximada de hora e media.
As persoas interesadas deben inscribirse previamente no correo electrónico oficina@aelg.org, indicando o seu nome e apelidos. A inscrición realizarase por orde cronolóxica de chegada das solicitudes. Hai un máximo de 40 prazas dispoñíbeis.

María Casares, un mito en Francia, descoñecida en Galicia.
Eu nacín neste curruncho da terra que vira as costas ao continente e que, non obstante, recibe os peregrinos de Compostela; na Coruña, vila peninsular que sinala o Atlántico […].”
María Casares deixa escritas nas súas memorias publicadas en 1980 as súas lembranzas e sentimentos vinculados á nenez vivida entre a A Coruña e Montrove (Oleiros). As súas palabras remítennos aos seus escenarios da infancia como unha postal fixa no tempo. Unha postal que non se alterará xa que esta grande actriz non retornou nunca á sua cidade natal.
María Victoria Casares Pérez, María Casares, nacida en 1922 na Coruña e desde 1936 instalada en Francia, foi unha unha actriz de primeira liña, cunha aposta decidida como actriz tráxica, con papeis clásicos memorables e, tamén, mergullándose no teatro de vangarda até os últimos días. Venerada pola crítica, trátase dun nome fundamental na historia do teatro francés. O xornal Liberation titulou no seu falecemento en novembro de 1996: “O teatro morreu”. Traballou con Robert Bresson e Jean Cocteau; no teatro aliouse con Camus, Jean Vilar, Jorge Lavelli e Bernard Sobel. Mellor actriz no Festival de Cine de Locarno (Suíza) en 1949 por La Chartreuse de Parme, nominada ao César en 1988 polo filme La Lectrice, premio Molière en 1989, Nacional de Teatro en 1990. O mesmo ano que morreu representou a peza Les oeuvres complètes de Billy the Kid con posta en escena de Frank Hoffmann -ela faleceu en novembro de 1996 e a obra estivo en cartel entre xaneiro e marzo-, e a crítica teatral derreteuse. O cancro espreitaba pero estaba enorme no escenario. Malia non conquerir a volta á súa terra, en Galicia obtivo tamén nos últimos anos diferentes recoñecementos: Filla predilecta da Coruña, Medalla Castelao, o nomeamento dos premios de teatro da Asociación de Actores e Actrices de Galicia como Premios María Casares, etc.

Información sobre protección de datos
A/O responsábel do tratamento é a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. A finalidade do tratamento é a prestación do servizo que se detalla na solicitude ou actividade organizada. A base legal do tratamento é o cumprimento dunha obriga contractual na prestación dun servizo. Os seus datos conservaranse unicamente durante os prazos de prescrición legalmente aplicábeis. Pódense comunicar os seus datos a terceiras/os organizadoras/es ou colaboradoras/es da actividade. No caso de solicitar certificado de asistencia, os seus datos comunicaranse ao/á impartidor/a da actividade. Pode acceder, rectificar, suprimir os seus datos e nos casos determinados opoñerse ao tratamento, limitar o seu uso ou portar a outra/o responsábel. Tamén pode solicitar a tutela da Axencia Española de Protección de Datos ou presentar unha reclamación ante a mesma.