Alberto González-Garcés. O libro galego entre a ciencia e a inventiva: Somos o que imaxinamos

Entrevista de Rubén Beiró a Alberto González-Garcés en gCiencia:
“(…) “Este libro foi creado coa idea utópica de ser feliz escribindo e de contribuír á felicidade dos demais”, resalta González-Garcés. Non era fácil para el escribir poemas desde a diversión, porque o sente moito, sofre. Por iso quería cambiar de rexistro cunha obra que fala moito sobre ciencia, apunta, pero iso si, “dun modo divertido e imaxinativo”. Un exemplo é a unificación dos horarios no mundo, coa complexidade que supón poñer todos os reloxos na mesma hora.
A creación deste galego xoga moito co tempo. “Ou non sei se é o tempo o que xoga conmigo”, di o autor, que cre que o pasado é algo estraño. O escritor destaca que as persoas sempre pensan no futuro, no día seguinte, nos plans que queren. Incluso con outras persoas, como poden ser os fillos.
O investigador mariño é máis optimista nesta segunda obra. A primeira, Alta mar, mar aberta, foi un poemario, e máis íntimo. Neste, reconstruía vivencias sobre o mar e exploraba sobre a identidade cunha profunda autobiografía. De momento, non descarta unha posible terceira peza, aínda que non pode aseguralo. (…)”