Anselmo López Carreira (historiador): “Cando se fala do Reino de Galicia, fálase de Galicia, Asturias e León ata a Extremadura”

Entrevista a Anselmo López Carreira en Historia de Galicia:
“(…) – Historia de Galicia (HG): Tras o franquismo, nesa época comezabades unha historiografía galega practicamente de cero, tivestes que destruír moitos tópicos?
– Anselmo López Carreira (ALC): Nese momento, nós non éramos conscientes da existencia de tópicos. Había un discurso predominante na historiografía española e, por rebote, mesmo tamén na pouca historiografía galega que había nos anos 70. Non sabiamos distinguir os tópicos porque todo o discurso historiográfico que existía naquel momento era ese, non había outro.
– HG: Coñecíase a existencia do Reino da Galicia medieval?
– ALC: Falabamos dun Reino de Galicia, pero pensabamos que era unha circunscrición meramente administrativa e, como tal, o Reino de Galicia existira en momentos moi breves. Pero Galicia non existía como tal, existía o Reino de Asturias. A pregunta que nos faciamos era que era Galicia dentro do Reino de Asturias, fíxate que sinécdoque, tomar a parte polo todo. Tardamos moito en descubrir a identidade do que realmente é o Reino de Galicia. E creo que nestes momentos aínda estamos a afinar que era o Reino de Galicia, non o temos completamente deseñado. (…)
– HG: Por que é importante para a historiografía galega saber que existiu un reino que se nomeaba Reino de Galicia?
– ALC: É importante para a historiografía en xeral. A realidade é esa e o que pretende a historia é asomarse da maneira máis exacta posible á verdade histórica. Así mesmo, hai unha razón que se debe ter en conta: o fomento da propia autoestima. Ten dito un historiador francés que na historia búscase a mellor imaxe de nós mesmo. O primeiro para a realización persoal e social é ser consciente da nosa identidade, tanto como persoa como pobo. Non vai contra ninguén, senón a favor de todos.”