Entrevista a Ledicia Costas en Diario de Pontevedra:
“(…) – Diario de Pontevedra (DP): Despois de dez anos volve ao realismo social con A lebre mecánica. Que a levou a regresar a esta temática?
– Ledicia Costas (LC): Algúns dos meus libros que sinto que son máis queridos pola mocidade, e así o verbalizan cando teño encontros nos institutos, son Unha estrela no vento, a primeira novela que me publicaron, e O corazón de Xúpiter. Os dous son libros de realismo social. Eu sentía como que debía escribir outra obra de realismo social seguindo o ronsel daquelas novelas que a min me marcaron tanto no instituto: Rebeldes ou La ley de la calle, de Susan E. Hinton, que para min foron cruciais como lectora. Por iso escribín A lebre mecánica. Ademais eu teño materia para escribir realismo social porque a cuestión tanto do desamor dunha ruptura sentimental, que é algo do que me apetecía falar, como a cuestión da ludopatía, están tan presentes na obra, xunto como outras cuestións de corte social como a homofobia ou a amizade e os lazos tan estreitos que se establecen na adolescencia. Todo ese hummus foi a materia que empreguei para escribir este libro.
– DP: Como foi o proceso de documentación e escrita? Porque se implicou persoalmente, non?
– LC: Si, porque cando escribes unha novela deste tipo, na que tratas unha cuestión tan delicada como a adicción ao xogo, o que non podes é pasar sobre as puntas dos pés nin falar de oídas. Entón fixen un labor de documentación que tivo varias pólas. A primeira consistiu en varias conversas con profesorado de Secundaria que ten alumnado con esta problemática nas súas aulas; pregunteilles como mudaba o comportamento e como afectaba tanto ao rendemento académico como nas relacións sociais que establecen con outros alumnnos do centro, da clase… Falei tamén con persoal da Xunta de Galicia para que me asesorase e houbo unha segunda fase, eu chámolle así, que foi un traballo de campo presencial.
– DP: En que consistiu?
– LC: Primeiro deime de alta nunha web de apostas, para ver como funcionaba a mecánica, nunca mellor dito, e apostar ás carreiras de galgos. Vin como unha desas webs, cando quixen recuperar os cartos quedaba con eles directamente e me bloqueaba a conta… Eran poucos, nin 15 euros. Imaxina o que tal non farán con outras cantidades! Despois fun presencialmente a casas de apostas para ver como eran por dentro, porque a verdade non estivera nunha. Quería ver como era, o tipo de persoas que hai alí, que son moi diversas. Como eran os locais por dentro, que tipo de apostas había, que tipo de máquinas… E cando tiven todo iso claro é cando me puiden poñer a escribir. (…)”