Mercedes Queixas: “Un pobo que acredita na súa cultura propia é un pobo con futuro de seu”

Entrevista de Yolanda NF a Mercedes Queixas en Tuplace:
“(…) – Tuplace (T): Que botas en falta por parte dos e das responsábeis polític@s en materia de promoción da literatura en galego? Que actuacións lles pedirías a medio e longo prazo?
– Mercedes Queixas (MQ): Estraño que a coñezan e, polo tanto, se orgullen e acrediten no enorme potencial da literatura galega. Non lembro ter escoitado nin visto que a lectura estea presente nos seus comunicados máis persoais, nas súas redes sociais, máis aló dos discursos oficiais programados. Se a lectura fixese parte do seu día a día convidarían a incorporala por mímese ao tempo de todas nós. Non hai como unha boa práctica para aplicar calquera teoría. É terríbel que o presidente da Xunta de Galiza non saiba mencionar correctamente o nome do poemario Cantares gallegos de Rosalía de Castro.
En absoluto se procuran acrecentar espazos de visibilidade da nosa literatura a través dos medios de comunicación de titularidade pública.
Non comprendo tampouco como non se está a desenvolver a Lei do Libro. Inexplicábel ou comprensíbel, dependendo da intención. Non son quen de comprender a importantísima mingua de compra de novidades literarias para dotar as bibliotecas públicas e permitir o acceso democrático á lectura, ao coñecemento.
Asistimos tanto en materia de lexislación cultural como lingüística, a esa concepción de seren estes ámbitos de segunda ou terceira, sobre os que se pode lexislar para atrancar o seu paso firme e imparábel. A cultura é un espazo vertebrador e cohesionador da sociedade, ao igual que a lingua de noso, mais non se está a entender así este patrimonio que nos fai ser parte singular dentro dunha colectividade multicultural e plurilingüe.
Se algún espazo cultural se pode considerar próximo a ese aínda procurado estatus de normalidade é a literatura galega, grazas a tantas creadoras que o ensancharon até chegar a todos os públicos, xéneros literarios, actualización de ferramentas e espazos de visibilidade etc. Mais non é suficiente, cómpre fidelizarmos lectorado e iso é imposíbel se o libro e a lectura non ocupa tempos e espazos de comunicación e socialización adecuados aos hábitos do presente.
En definitiva, falta moita vontade e compromiso para que a Administración galega asuma a súa responsabilidade á hora de visibilizar, apoiar, difundir e internacionalizar a literatura galega.
– T: Desde a Asociación de Escritoras-es en Lingua Galega impulsades desde hai varios anos o Día de Rosalía cada 24 de febreiro (día de nacemento da nosa autora máis internacional). Como xurdiu esta fermosa idea e como ves ti, desde a Secretaría Xeral da AELG, a evolución e a acollida ao longo deste tempo?
– MQ: Sempre se recoñece Rosalía de Castro como a escritora máis popular da nosa xénese literaria. É a escritora que nos convoca a toda a sociedade. É certo e a mellor maneira de o comprobarmos foi dándolle á sociedade ideas para que a celebrase publicamente. Cumpría colocar esa data do 24 de febreiro no espazo público das nosas celebracións colectivas, como demostración de orgullo pola actitude, pensamento e obra literaria dunha autora pioneira que nos entregou todo con todo un tempo en contra.
A acollida non deixou de medrar ano tras ano desde 2010 e a memoria desta actividade, accesíbel desde a web da AELG, é espello fiel da implicación, e tamén do afecto, social, de persoas e colectivos que seguen a precisar ler e comprender Rosalía de Castro, mesmo agora en que se cumpren os 180 anos do seu nacemento. Unha obra como a súa que sobrevive ao tempo sen perder frescura só pode ser asinada por unha autora de altísima cualidade.
O feito de que a sociedade se autoorganice para celebrar este día de múltiples xeitos é unha satisfacción, mais tamén é a constatación da importancia de termos referentes que nos reconcilien ou reencontren connosco e coa nosa historia como galegas de nación. (…)
– T: Como ves a situación da cultura galega en xeral? E como profesional, da literatura en galego en particular?
– MQ: Véxoa como un espazo de resistencia proactiva, como un potencial creador e innovador con vontade de ser, un territorio común, integrador, inclusivo, que abrangue moitos territorios de expresión, desde o da evasión até o de formación do lectorado ou a configuración dunha voz social crítica baseada nos principios da xustiza e da igualdade. De sempre as escritoras e os escritores, a xente da cultura en xeral, foron voces marcadas polo seu compromiso social. Tamén agora segue a acontecer na literatura, na cultura galega, mesmo asumindo por iso censuras e vetos. Un pobo que acredita na súa cultura propia é un pobo con futuro de seu. (…)”