Artigo de Marcos Pérez Pena en Praza:
“Durante máis de 30 anos Luz Pozo Garza mantivo unha continuada relación epistolar con Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer, envíos motivados polas colaboracións da poeta na revista Unión Libre, coordinada pola autora e autor lucenses, ou ben polas achegas destes nas publicacións (Nordés, Clave Orión...) coordinadas pola poeta nacida na Mariña. E cartas, así mesmo, que amosan a fonda amizade que os uniu durante décadas.
Luz Pozo Garza, voz esencial da poesía galega do século XX, finou o pasado 20 de abril. Agora o número 25 de Unión Libre. Cadernos de vida e culturas publica un monográfico composto pola correspondencia cruzada entre a poeta e Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer. Co título de “Arte epistolar”, a publicación pode descargarse de balde neste enlace.
Os envíos comezan nos anos oitenta, cando a poeta moraba en Vigo, e rematan pouco antes do seu falecemento, xa instalada na Coruña, pero hai tamén misivas escritas en Dublín ou en Toulouse. A maior parte das cartas (ou postais) van máis aló dun simple texto con función informativa e compoñen un fermoso “conxunto artístico e poético cheo de sorpresas, que tan ben define a personalidade de Luz Pozo Garza”, destácase dende Unión Libre.
“Dende que nos anos oitenta coñecemos persoalmente a Luz Pozo Garza, a quen liamos xa na nosa adolescencia, estableceuse unha leal amizade entre nós, fundamentada na sinceridade, na autenticidade, na liberdade e na vitalidade que os tres apreciamos ante todo tanto na vida como na poesía”, escriben Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer na presentación do Epistolario.
Blanco e Rodríguez Fer destacan que as “interesantes e preciosas cartas” enviadas por Luz Pozo dende 1989 incluían decote “poemas e con debuxos inéditos da súa autoría, constituíndo unha auténtica obra de arte epistolar que aquí damos a coñecer por primeira vez”. Aínda que estes textos inéditos non forman parte desta publicación, “a edición si inclúe os poemas que lles dedicou á parella ou á súa filla Mariña”, pero coa precaución de “non adiantar demasiado material da súa obra poética dispersa que terá que compilarse algún día”. (…)”