Desde a Real Academia Galega:
“Ramón Villares Paz, foi investido doutor honoris causa pola Université Rennes 2 (Francia). O catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela recibiu esta distinción nunha cerimonia solemne na que pronunciou un discurso sobre a Bretaña na cultura galega.
A institución gala reserva esta distinción para as “personalidades de mérito eminente, que se destaquen nos dominios da ciencia, da educación e da cultura, posuidores dun currículo de gran proxección internacional”. A profesora de lingua e literatura española contemporáneas Christine Rivalan-Guégo foi a encargada de pronunciar o discurso de eloxio dirixido ao profesor Villares nunha cerimonia na que recibiu o mesmo recoñecemento Carlo Ginzburg.
Ademais de destacado historiador, Ramón Villares é presidente do Consello da Cultura Galega desde 2006 e foi reitor da USC. Con anterioridade a esta nova distinción, foi nomeado doutor honoris causa polas universidades de Buenos Aires (1992) e Minho (2015).”