Entrevista de Carme Vidal a Úrsula Heinze en Sermos Galiza:
“Cando a escritora ingresa no sanatorio psiquiátrico a causa dunha depresión, o caderno e o bolígrafo son os seus compañeiros. Úrsula Heinze presenta … e os domingos, un croissant (Alvarellos) o día 23, Día do Libro, ás 19:30 no Sanatorio “La Robleda”.
A literatura é, para Úrsula Heinze, a terapia coa que se sandar e mostrar a través da súa escrita ese mundo descoñecido. En …e os domingos, un croissant (Alvarellos) ofrece a crónica diaria da súa estadía no centro. Para a autora, este é o “seu libro”, así, con carácter singular e único na súa ampla bibliografía.
– Sermos Galiza: Por que decide escribir o diario dos dous meses que pasou no sanatorio psiquiátrico?
– Úrsula Heinze: A escritura sempre foi a miña salvación. Botei man dela en épocas de ruptura, e esta foi unha delas. Podo vivir coa depresión, mais o ano pasado a lumbalxia agravou o panorama. Cada vez ía a peor; levantábame mareada, necesitaba axuda médica que non me podían dar no hospital. Cheguei ao sanatorio psiquiátrico e dei co doutor Ramos, un médico novo con grande humanidade e entrega aos pacientes. Con el podía falar horas e recomendoume facer algo, centrarme nunha actividade. Preguntoume que me gustaría facer e non dubidei na resposta. Tiña claro que necesitaba escribir e para min foi como unha terapia. Tiña un caderno e andaba todos os días con el polo centro. Cando oía algo que me interesaba, apuntaba. Para min ese exercicio foi sandador, mais tamén me interesaba para cambiar a idea do público, que non sabe o que é un sanatorio psiquiátrico. A xente pensa que os que están alí son tolos de remate, unha idea alimentada polas películas. (…)”
Arquivos da etiqueta: Úrsula Heinze
O Pen Clube de Galicia renova a Luís González Tosar como presidente
“Era a única candidatura presentada e a asamblea do Pen Clube de Galicia aprobouna por unanimidade. O escritor Luis González Tosar foi reelexido como presidente, no que estará acompañado de Úrsula Heinze como vicepresidenta, Miro Villar, como secretario e Bieito Iglesias como tesoureiro. Entre as primeiras medidas, o reelexido presidente reivindicará ante a Consellaría de Cultura a inclusión a comisión do libro, así como buscará apoios para celebrar a cuarta Bienal Internacional do PEN que ten previsto celebrarse en Santiago en xuño de 2012.” Vía Cultura Galega.