A Coruña: crónica do encontro con Manuel Álvarez Torneiro

Desde Kalandraka:
“Segue sumando columnas na prensa escrita e ocupando minutos na programación cultural das cadeas de radio e de televisión a concesión do Premio Nacional de Poesía 2013 a Manuel Álvarez Torneiro, o primeiro galego en acadar esa distinción por unha obra –Os ángulos da brasa– escrita na nosa lingua.
Unha semana despois de serlle comunicada a concesión deste prestixioso galardón, o autor recibiu unha sinxela e cálida homenaxe na Biblioteca Municipal de Estudos Locais da súa cidade. A directora desta entidade, Victoria Villanueva, foi a anfitriona dun encontro no que o escritor coruñés foi nomeado “socio de honra” da Biblioteca; un título simbólico que se estreaba por primeira vez co receptor do Premio Nacional de Poesía. Ademais de entregarlle un carnet especial co emblema das Bibliotecas Municipais da Coruña, Victoria Villanueva tamén obsequiou a Manuel Álvarez Torneiro con varios libros conmemorativos sobre a historia da cidade. O poeta correspondeu adicándolle á Biblioteca de Estudos Locais un exemplar de Os ángulos da brasa e un poema manuscrito –Anuncios por palabras– do seu libro, que xa forma parte do patrimonio desta institución pública, a casa da lectura de toda a cidadanía.