Vigo: inauguración da exposición NEUSTON. Experimento 1. Explorando a interface

O próximo venres 13 de marzo inaugúrase no Museo do Mar de Vigo a exposición NEUSTON. Experimento 1. Explorando a interface, que conta coa contribución de artistas coma Manuel Vilariño, Vítor Vaqueiro ou Manuel Sendón e dos escritores Marilar Aleixandre, Fran Alonso, Xosé María Álvarez Cáccamo, Rosa Aneiros, Miguel Anxo Murado, Gonzalo Navaza e Xavier Queipo, entre outros. O acto comezará ás 20 horas e contará coa asistencia da Conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, e da directora do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC, Aída Fernández Ríos.

Vigo: presentación da última novela de Rafael Laso Lorenzo

Mañá venres 20 de febreiro preséntase en Vigo a nova novela de Rafael Laso Lorenzo, A vida que non é. A presentación terá lugar ás 19:30 no salón de actos do Colexio de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Vigo. Ademais do autor, participarán no acto o editor Ignacio Chao Castro (Edicións Tambre) e o profesor da Universidade de Vigo e escritor Manoel Dacosta Pardo.

Vigo: presentación do nº 24 de “Festa da palabra silenciada”

O grupo Feministas Independentes Galegas (FIGA) e a Concellería de Igualdade do Concello de Vigo organizan hoxe xoves 19 de febreiro a presentación do nº 24 de Festa da palabra silenciada, que leva por título O verbo patriarcal. Será no Salón de Actos da Escola de Artes e Oficios de Vigo, na rúa García Barbón, 5. No acto participarán as colaboradoras Olga Castro e Victoria Lojo e a directora da revista María Xosé Queizán, así como Laura López, Concelleira de Educación e Iolanda Veloso, Concelleira de Igualdade.

Vigo: conferencia de Francisco Castro

Mañá xoves 12 de febreiro o escritor Francisco Castro impartirá unha conferencia titulada A mirada literaria. Como ven os escritores no Centro Social Caixanova de Vigo, ás oito do serán, dentro do ciclo O traballo literario a través dos escritores. O acto será presentado polo crítico Ramón Nicolás. A entrada é libre.