Convocado o VII Premio a artigos xornalísticos normalizadores do Concello de Carballo

O Concello de Carballo, desde o seu Servizo de Normalización Lingüística (SNL) e en colaboración con varios medios de comunicación, convoca por sétimo ano consecutivo o Premio a artigos xornalísticos normalizadores, un certame xa consolidado que ten como obxectivos promover a reflexión sobre a situación social da lingua galega, crear espazos nos xornais para analizar e promocionar o uso e prestixio do idioma galego e promover o uso do galego na prensa. Ao certame pódense presentar artigos xornalísticos inéditos de opinión que traten algún tema concreto relacionado coa situación sociolingüística do noso país, coa defensa e promoción da lingua galega, co seu estatus, co argumentario en defensa do uso do galego, coa lexislación e os dereitos lingüísticos, con experiencias sociolingüísticas concretas, con propostas para o impulso do uso e prestixio social do galego, con experiencias útiles ou favorábeis para a dinamización da lingua, coa política lingüística en xeral ou nalgún ámbito ou situación determinada, etc. Os artigos deberán ter entre 2.000 e 3.500 caracteres con espazos incluídos (entre 350 e 600 palabras, aproximadamente). O prazo de admisión estará aberto até o 8 de abril. Outorgarase un premio económico ao artigo gañador, dotado con 1.000 euros, ademais da difusión nos nove medios colaboradores coa iniciativa: A Nosa Terra, Diario de Bergantiños, Galicia Hoxe, La Opinión de A Coruña, La Voz de Galicia, Longa Lingua, Radio Líder, Tempos Novos e Xornal de Galicia.
As bases completas pódense descargar neste arquivo: Bases do VII Premio a artigos xornalísticos normalizadores do Concello de Carballo 2011.