Entrevista de César Lorenzo Gil a Alfredo Conde en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): Con que escritor/a lle prestaría pasar unha noite de festa? Pode estar vivo/a.
– Alfredo Conde (AC): Se por unha noite de festa se entende unha noite grata, unha noite amena na que falar de todo, moito me gustaría recobrar as moitas noites que Juan Ramón Díaz, Carlos Casares e mais eu pasamos bebendo viño do Porto e falando de todo o divino e o humano. Gustaríame falar con Murasaki Shikibu, a xaponesa do século XI. Debeu ser unha persoa extraordinaria.
Pero se do que se trata é de pasar unha noite de festa-festa, unha noite pagá, diríalle que iso se lle pregunta a un escritor ou a unha escritora antes da vellez ou, coma mal menor, formúlaselle doutro xeito, por exemplo e no caso que me ocupa: con que escritora lle tería gustado facer un par de pecadiños por detrás da igrexa, que diría o finado do Carlos Casares, facéndoo coa conciencia de que non hai que andar dando que falar e, a maiores, un élle moi mirado no tocante a certos asuntos. Velaí unha razón máis para quedar caladiño coma un peto e, por outra parte, responder á derradeira opción, a de que pode estar viva, podería implicar, no caso de non estalo, certa tendencia á necrofilia que non profeso en absoluto. (…)
– B: Que libro lle gustaría ter escrito?
– AC: Unha saga de Allariz, que comezase no século XVII ou no XVIII coa descrición da vida e do ambiente dunha familia ilustrada, pola familia dos Feijoo-Montenegro, que se cruzaría logo, chegado o XIX, coa dos Rumbao, outra familia comezada por un Audal Rumbao no 1818, ao chegar á vila e se casar cunha Dopico Conde, para deixar vinte e dous fillos vivos e unha fábrica de curtidos a cada un deles e logo no, xa no XX cruzar as dúas anteriores coa dos Conde, tanto cos de Vilaboa, como cos de Valverde e tamén cos da Veiga, dos que precedo eu, tecendo unha trenza na que collesen tres coros que compuxesen unha a modo de sinfonía dun país coma o meu. Unha obra moi ambiciosa que para poder escribila tería sido preciso que eu dispuxera de tanta ambición e capacidade como as que ao mellor non teño e sobre todo dun tempo de dous ou tres anos e dun diñeiro dos que nunca dispuxen pois non levo feito outra cousa na vida máis que traballar arreo. O milagre é que deixe escrito todo canto deixo. Espero que por iso se me xulgue chegado o día. Se se decata, no que veño incidindo é na necesidade de que á xente, tamén a un escritor e tamén a min, se lle xulgue non polo que din que dixo, senón polo que realmente escribiu e fixo. (…)
– B: E un libro galego posterior ao 1970 que adora?
– AC: Hai moitos, faltaría máis. De rapaz lin con verdadeira devoción O acomodador e outras narracións, de Marcial Suárez e Vilardevós, de Silvio Santiago. (…)”