Xosé Luís Mosquera, escritor: “É moi difícil non ser un híbrido, non mesturar o mundo que somos e o mundo no que vivimos”

Entrevista de Laura Veiga a Xosé Luís Mosquera Camba en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Cal foi o xerme de Trece maneiras de mirar un almanaque?
– Xosé Luís Mosquera Camba (XLMC): É unha pregunta complicada porque, supoño, a meirande parte da xente que escribimos acabamos por vérmonos metidos en algo que non sabemos como comezou. É algo que te arrastra e que vai tirando mentres sexas quen de seguir.
O que xera que escribas sobre algo adoita ser azaroso, ás veces é algo que ves ou que escoitas, outras veces é unha idea, algo que te atrae ou unha irritación. Este texto está vinculado a un poema do autor norteamericano, Wallace Stevens, titulado Trece maneiras de mirar un merlo. É un poema que sempre me pareceu moi fondo e interesante para volver sobre el. Reflexiona sobre o paso do tempo, o efémero, o amor… E nun momento determinado acendeuse un camiño por aí e acabou sendo este texto. É o único que podo dicir.
– ND: En moitas ocasións, dese xerme orixinal ao que acaba sendo hai moita evolución.
-XLMC: Evidentemente. É un tópico entre autores e autoras que falan dos seus procesos creativos: contan como é o propio texto o que te arrastra e que ti vas descubrindo. Ti es como o primeiro lector dese texto que se vai descubrindo. Tamén che fai dar voltas e voltas e por iso todo acaba mudando. (…)”