Vilalba: homenaxe a Xabier P. DoCampo

A Fundación Manuel María e os Clubes de lectura da Asociación Cultural Xermolos homenaxean o vindeiro 24 de outubro ao autor rabadense Xabier P. DoCampo, coa colocación do cuarto hectómetro literario no Paseo dos Soños do río Madanela. Os actos comezarán ás 12 do mediodía cunha mesa redonda, no Muíño do Rañego, na que participarán os escritores Fina Casalderrey, Xosé Cobas, María Xesús Fernández, Agustín Fernández Paz, Antía Otero, Mercedes Queixas e David Otero. Logo da colocación do monolito no Paseo dos Soños, haberá un xantar de irmandade no restaurante A Nova Ruta de Vilalba. Os interesados en acudir poden apuntarse no teléfono 646 413 890.

Xabier P. Docampo, nado en 1946, é autor de abondosas obras literarias, ademáis dun destacado membro de movementos de renovación pedagóxica. Obtivo en 1996 o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil por Cando petan na porta pola noite. Na actualidade é un dos promotores da Plataforma Prolingua.

Entrevista a Xabier P. Docampo en A Nosa Terra

“Reivindicamos que se cumpra a lei e que se garanta o status real da lingua propia de Galiza. Existe unha lingua maioritaria que conta con todas as beizóns, que ninguén atacou nunca e que mesmo conta coa meirande parte dos medios de comunicación ao seu favor. Podemos comprobar como hai medios privados subvencionados con cartos públicos e que non benefician en absoluto o galego, senón todo o contrario. Nós queremos que o galego acade un status semellante ao do castelán –que goza dunha situación vantaxosa malia non ser o noso idioma propio–. Hoxe en día, non se está a dar a verdadeira cooficialidade”. [Ler entrevista completa a Xabier P. Docampo]

A Coruña: conferencia de Xabier P. Docampo

O dia 29 de Setembro, terça-feira (martes), a Agrupaçom Cultural O Facho comeza as actividades do período 2009-10 coa palestra O governo Opus/P.P. e a sua política etnocida contra a Língua Galega dentro do ciclo “Língua, Literatura e Naçom”. A conferencia correrá a cargo do escritor Xabier P. Docampo. Será a partir das oito do serán na Fundación Caixa Galicia, no Cantón Grande da Coruña.

Xornada literaria no mar de Baiona con Xabier P. Docampo e Xosé Cobas

naujaO club de lectura “Gálix Tendendo Redes”, coordinado por Ánxela Gracián, escritora e vicepresidenta da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil, Gálix, realizará mañá, sábado 26 de setembro en Baiona, unha nova xornada literaria que, nesta ocasión, leva por título “Por mares de tinta e cantos de sereas”. Nesta ocasión, dende a literatura intentan “tender redes” cara ao ambiente, a historia e a etnografía unindo os nosos esforzos coa Coordinadora Mediombiental de Estudos Mariños, Cenma, encargada de xestionar a goleta Nauja e co Instituto de Estudos Miñoranos. O “NAUJA” é un barco de madeira, aparellado con dous paus que posúe unha ampla e despexada cuberta, o que lle confire ao barco un alto nivel de seguranza para os navegantes sen deixar de ser un barco que mantén ese espírito que desprenden os barcos antigos das mellores novelas de viaxes. Está xestionado pola Coordinadora para o Estudio de Mamíferos Mariños, organización de ámbito galego e fundadora da SEC, para desenvolver as actividades marítimas na costa galega, de carácter ambiental e de investigación no mar, especialmente centrado no mundo dos cetáceos, pero sen deixar de tratar outros eidos como poida ser a bioloxía, a ecoloxía, a oceanografía, a pesca, a etnografía e outras materias que incidan sobre o mar.

Gálix Tendendo Redes tamén “lanza redes” á historia e a etnografía, a través da colaboración co Instituto de Estudos Miñoranos. Para a edición da xornada de mañá Gálix Tendendo Redes contou tamén co apoio de Edicións Xerais de Galicia.

A xornada POR MARES DE TINTA E CANTOS DE SEREAS consistirá nunha navegación literaria e física na procura de todas as Ítacas. Ao longo da travesía os asistentes tornaranse, da man de Xabier Docampo e Xosé Cobas, ricos en coñecementos e experiencias e aprenderán o que significan todas as viaxes.

Lugo: II Xornada de Literatura oral

Os días 16 e 17 de outubro vai ter lugar no Salón de Actos da Deputación de Lugo a II Xornada de Literatura oral arredor da figura do lobo, O mito que fascina. Intervirán como relatores Xabier P. Docampo, escritor, Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil; Antxon Gómez Lorente, escritor, garda de montes do Parque Natural de Pagoeta; Alberte Reboreda, arqueólogo, técnico de Patrimonio Cultural, e X. Luis Garrosa Gude, escritor, profesor e investigador da literatura oral.

Baiona: xornada de actividades arredor d’O libro das viaxes imaxinarias

Organizada polo club de lectura Gálix. Tendendo redes, o sábado 26 de setembro desenvolverase en Baiona e arredores unha xornada de actividades que baixo o lema de Por mares de tinta e cantos de serea xirará arredor da obra O libro das viaxes imaxinarias de Xabier Docampo e Xosé Cobas. A xornada está organizada por Gálix, coa colaboración do Instituto de Estudos Miñoranos e de Xerais. O prezo por persoa é de 44 euros, incluíndo a viaxe na goleta, picnic e participación nos talleres. As persoas interesadas en participar na xornada poden solicitar a súa inscrición no correo electrónico coa secretaría de Gálix ou chamando aos teléfonos 650 93 89 72 ou 981 58 98 83. A data límite de inscrición é o 21 de setembro. [Vía Xeraisblog]

Gondomar: Espazo Lectura dedica unha sesión a Xabier P. DoCampo

Mañá sábado, 30 de maio, ás 12 da mañá, na Biblioteca Municipal de Gondomar, o clube de lectura compartida Lendo contigo dedicará unha sesión ao libro A nena de auga e o príncipe de lume, de Xabier P. DoCampo, que participará no acto, aberto a nais e pais e nenos e nenas de 8 a 11 anos.