Sela, Arbo: Homenaxe a Evaristo de Sela

“Evaristo González Fernández (Sela, 1917-Vigo, 1994) foi catedrático de grego de ensino medio e, entre outros labores, traduciu ao idioma galego as dúas grandes obras da literatura clásica: A Iliada e a Odisea, publicadas a finais dos anos 90 polo Consello da Cultura Galega e distribuidas por Editorial Galaxia na colección Clásicos Greco-Latinos, que dirixiu durante anos o profesor Manuel Díaz. O pasado domingo 27 de novembro, na aldea da Granxa, na parroquia de Sela, concello de Arbo, á beira do río Miño, no sur de Galicia, amigos e veciños lembraron ao autor nunha sentida homenaxe que congregou a numeroso público. Ademais dos organizadores do acto, a Asociación Cultural Evaristo de Sela (Agapito Valado e Manuel Álvarez), falaron o profesor Xesús Alonso Montero, o catedrático de grego da Universidade de Santiago, Juan José Moralejo; o escritor e director de Galaxia, Víctor F. Freixanes; o alcalde de Arbo, Xabier Simón, e a filla do homenaxeado, Stella Maris González. Rapaces e rapazas do concello leron poemas de Evaristo de Sela e os versos de Homero en lingua galega, traducidos por aquel. “É un acto de xustiza, en memoria dun home autodidacta, nado na aldea, que co seu esforzo estudou os clásicos grecolatinos e, en tempos moi difíciles, quixo poñer na lingua dos seus os versos do gran poeta grego”, explicou na súa intervención Alonso Montero.” Vía Galaxia.