Desde Galicia Confidencial:
“A escritora Inma López Silva recibiu este sábado o premio de Creación Literaria da Fundación Ínsua dos Poetas pola súa “creatividade acorde ás correntes máis avanzadas da vangarda na escritura”, a súa “fidelidade á lingua propia de Galicia” e a súa “defensa do medio e da liberdade de expresión”.
“Con estes principios Inma López Silva demostrou un compromiso permanente e constante, ao que debemos engadir o seu traballo e voz crítica e clara, como muller, para contribuír a unha maior presenza das escritoras galegas nas institucións e en todos os segmentos da nosa sociedade”, sinala a acta da concesión destes galardóns.
Así mesmo, a Fundación, presidida por Luís González Tosar, premiou na categoría de ‘Promoción da cultura galega no exterior’ á Irmandade Galega de Venezuela polo seu “importantísimo labor no ámbito social, cultural e benéfico entre a comunidade galega de Caracas, que recoñece esta institución como un referente de galeguidade”.
Pola súa banda, o Centro de Estudos Chamoso Lamas recibiu o premio ‘Ínsua dous Poetas’ á ‘Conservación do patrimonio e do medio’; mentres que as adegas Cachín da Abeleda, A Teixeira, na Ribeira Saca ourensá foron premiadas pola súa ‘Acción económica a favor da cultura’.
Ademais, o xornalista e animador cultural Xan Fernández Pinal foi distinguido no apartado de ‘Emprego da lingua e promoción da cultura propias nos medios de comunicación’. Sigue lendo