Xosé de Cea, autor do relato ‘A cámara estéril’: “A ansiedade do protagonista é a ansiedade coa que eu vivín a profesión nos meus inicios”

Entrevista de Ana Loureiro e Xosé de Cea en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Vén de publicar a súa primeira novela para persoas adultas, mais deuse a coñecer como poeta. Cre que condiciona isto o estilo lírico que se aprecia no relato?
– Xosé de Cea (XC): Fascíname o estilo narrativo de autores e autoras que non se limitan a utilizar a linguaxe dun modo puramente prosaico e obxectivo, que infiltran de poesía as historias que contan. Cormac McCarthy, Manuel Rivas, Clarice Lispector… Máis que a miña querenza pola poesía, condiciónanme máis esas influencias.
– ND: É vostede xornalista, a ética e os mitos da profesión resultan algúns dos eixos da historia. Por que?
– XC: Cando asumín o reto de escribir un relato de ficción, souben desde o comezo que debía recorrer á experiencia propia para contar unha historia minimamente críbel. E, se debía tirar de biografía, a profesión xornalística ocupou boa parte da miña vida. Nese senso, ser xornalista de comarcas foi a universidade onde aprendín case todo o que se pode aprender sobre este oficio. Esa posición humilde, nun dos chanzos máis baixos da profesión, foi para min un enorme contraste respecto do xornalismo que practicaban referentes como os correspondentes de guerra.
– ND: Cal cre que é a percepción da sociedade sobre a profesión?
– XC: Supoño que a percepción que se merece. A maior parte do xornalismo que se fai hoxe en día e que consumimos está ao servizo de grandes corporacións empresariais que utilizan a difusión de información como medio para impoñer a súa visión política e económica da realidade. De feito, a polarización que estamos a vivir hoxe en día no eido político percíbese tamén nos mass media, de maneira que o hooliganismo á hora de defender un partido político ou un equipo de fútbol, que veñen sendo dúas modalidades de fanatismo acrítico moi semellantes, tamén a atopamos nos medios de comunicación que escolle á xente á hora de informarse.
En realidade, a maior parte das persoas que consumen os contidos dos medios de comunicación, máis que informarse só buscan mensaxes que reforcen a súa visión da realidade. Dito isto, a percepción que ten a sociedade da profesión xornalística é evidente: Están os medios e xornalistas que din o que quero escoitar, e que para min é a verdade; e están o resto, que son escoura que pretende manipularme a través da mentira. (…)”

Xosé de Cea: “Detrás do termo `xarnego´ hai un sacrificio enorme das familias”

Entrevista a Xosé de Cea no Zig-zag da Televisión de Galicia:
“No barrio barcelonés de Horta está a rúa de Coímbra. Coímbra é o escenario e o título da primeira novela para adultos de Xosé de Cea despois dunha consolidada traxectoria na poesía e no infantoxuvenil. Coimbra nos anos 70, cando o autor era neno e despois adolescente. Un lugar de xarnegos onde vivían familias procedentes do Levante, do Sur de España, de Aragón, de Castela e algunha galega. Alí entre os pisos vellos e os novos naceron estas lembranzas que conforman o libro Coímbra de Xosé de Cea. A entrevista pode verse aquí.”

Xosé de Cea gaña o V Premio de poesía Eduardo Pondal

“Reunido o xurado o 16 de maio, tras ter debatido sobre as obras finalistas do V Premio de poesía Eduardo Pondal, acordou por unanimidade conceder o premio ao libro titulado Dende a miña barricada de sofás e canapés, presentado baixo o lema “Janus Valuska”.
Aberta a plica resultou corresponder a Xosé de Cea. Nacido en Barcelona, estudou Ciencias da Información e traballou como xornalista para La Voz de Galicia, A Nosa Terra, Tempos Novos, Praza Pública ou Página Abierta.”

A Coruña: presentación de En terra rara, de Xosé de Cea

O 24 de xaneiro, ás 19:30 horas, na Agrupación Cultural Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º), na Coruña, Xosé de Cea presenta a súa novela En terra rara, publicada por Medulia. Na presentación participarán tamén Laura Rey Pasandín, Pedro Panduriño (autor da ilustración da portada) e Xulio López Valcárcel (director de Medulia Editorial). As persoas interesadas deben inscribirse aquí.