Xosé Luís Díaz Castroverde gaña o Certame de Investigación Condado de Pallares

O profesor coruñés Xosé Luís Díaz Castroverde Lodeiro gañou o Certame de Investigación Condado de Pallares, convocado pola Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares por un traballo que leva por título Morgados e xurisdicións na terra de Taboada. O galardoado, que na actualidade exerce a docencia na Coruña, abordou no estudo premiado a historia familiar, entre os séculos XV e XVIII, da Casa de Taboada, vinculada nas súas orixes ao Pazo de Bembibre. Ademais de recibir un diploma e un premio de 3.000 euros, o autor tamén verá editado o seu traballo pola área de cultura da Deputación.