Entrevista de Laura Veiga a Xulio López Valcárcel en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario: De onde saen as historias que nutren O cantar dos músicos errantes?
– Xulio López Valcárcel: A min sempre me gustou moito a música. Dedícome á literatura por defecto, porque realmente teríame encantado ser compositor ou cantautor. Tendo este interese tamén fixen amizade con Carlos González Novoa, un home que xa anda cerca dos 90 anos e que comezou indo á orquestra co seu pai con tan só oito. De feito, chamábanlle a orquestra do neno e pagábanlles un engadido para ver aquela especie de Mozart pequeniño con tanto talento, disposición e calidade interpretativa. Ao longo dos anos el foime contando moitas das anécdotas que vivira, como ían andando ás actuacións e levaban os instrumentos nun carro, o medo que pasaba pola noite cando atravesaban bosques e a el parecíalle ver pantasmas e ladróns detrás de cada árbore, como tropezaba e se caía porque se cansaba de tanto andar…
A maiores tamén teño outro amigo que foi batería e que agora tamén escribe, Manuel Blanco, nado en Ribas de Sil, que me falou dos guateques dos anos 60 e da precariedade na que vivían. Tamén aproveitei artigos que publicou Xosé Pérez Mondelo en A Nosa Terra e unha serie de obras que figuran ao final do libro.
Con todo isto eu fun construíndo a historia ficcionada de Xosé Oliveira, que no último día da súa vida na aldea, porque é o último habitante, marcha para a cidade e vai lembrando como eran os tempos de antes, a traxectoria que percorreu até chegar aí e o éxodo do rural ao urbano, a crise demográfica e a represión do franquismo. (…)”