Ars dedicandi: Xosé Trapero Pardo

Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“O 10 de outubro de hai vinte anos faleceu Xosé Trapero Pardo. Os mindonienses sentimos a súa perda como propia, pois, aínda que era por nacenza de Castro Ribeiras de Lea, criouse de mozo na nación valeca e no Seminario de Santa Catarina adquiriu a súa formación.
A Trapero Pardo débenlle as letras mindonienses non pouco do seu esplendor: dirixiu semanarios emblemáticos da cidade como Justicia, Renovación e, sobre todo, Vallibria, onde publicaron por vez primeira Álvaro Cunqueiro ou Francisco Fernández del Riego; publicou estudos e monografías sobre as principais figuras históricas e literarias de Vilamaior, como Pedro Pardo de Cela, Antonio Noriega Varela ou Manuel Leiras Pulpeiro; e deu á luz o seu primeiro poemario —Lóstregos e moxenas (1926)— na Tipografía do Centro de Acción Social Católica de Mondoñedo. (…)
Este fillo adoptivo da cidade tratou estreitamente, como non podía ser doutra maneira, os escritores e artistas que nela foron, tamén as súas familias. De entre toda, talvez a relación cos Cunqueiro fose unha das máis prolongadas no tempo e tamén unha das máis queridas. A Álvaro, como dixen, axudouno a comezar a publicar. Con Pepe, seu irmán, tivo de sempre un trato moi amigable e con Carmiña uniuno un aprecio e admiración que se estendeu ao longo de case un século, pois el marchou con noventa e cinco anos (nacera no 1900) e ela con noventa e seis (finou a primeiriños de maio do 2006).
O Ars dedicandi que hoxe recupero amosa ás claras ese agarimo que se profesaron. Figura estampado nun exemplar de Non chores Sabeliña, a zarzuela galega que Trapero Pardo escribira e o mestre Gustavo Freire musicara, unha obra histórica, pois foi a primeira publicada en galego despois da Guerra Civil.”

ars_dedicandi_trapero_pardo