Adelaida Vidal Vizcaya gaña a XII edición do Premio Vicente Risco de creación literaria

No Concello de Ourense, sendo as trece horas do día vinte e seis de novembro de dous mil once, reúnese o xurado nomeado para o Premio Risco de Creación Literaria de Ourense na súa duodécima edición, e que estivo composto polas seguintes persoas: Arturo Lezcano Fernández (envía a súa valoración por escrito), Xulio García Golpe, Constantino Pazos Sobrino, Fernando Méndez e Ánxela Gracián, en representación da editorial Sotelo Blanco; actuando como secretario Luís Martínez-Risco Daviña, da Fundación Vicente Risco, sendo a Presidenta do Xurado a Concelleira de Cultura, Festas e Festival de Cine, Auditorio e Normalización Lingüística, Isabel Pérez González (sen voz nin voto). O Secretario fai constar o agradecemento a todos os membros do xurado pola súa participación.
Tras unha ampla deliberación, acordouse conceder o XII Premio Risco de Narrativa ao traballo presentado co título: Olladas. O xurado cualifícaa como unha novela na que cómpre salientar un relato minimalista, cheo de realismo e frescura narrativa. Con personaxes moi contemporáneos que apostan polos soños. A trama está sostida por un narrador omnisciente que “todo o sabe”, e no entanto non emite xuízos de valor, deixando que os personaxes teñan autonomía e identidade propias.
O secretario procede á apertura do sobre correspondente, resultando autora da obra gañadora: Adelaida Vidal Vizcaya. En proba de conformidade, subscríbese a presente acta da que eu como Secretario dou testemuño no lugar e data arriba citados.

Ourense, 26 de novembro de 2011

Luís Martínez-Risco Daviña.

Fernando Rodríguez Méndez gaña o Premio Vicente Risco de Creación Literaria con Deus xogando aos dados

O xurado do Premio Vicente Risco de Creación Literaria, que organiza a Fundación Vicente Risco de Allariz, a editorial Sotelo Blanco e a Concellaría de Cultura de Ourense, ven de fallar o gañador da súa XI convocatoria. O xurado escolleu a obra do escritor Fernando Rodríguez Méndez, Deus xogando aos dados. O gañador, ademais do premio económico, verá publicado o seu traballo en Sotelo Blanco Edicións. O xurado desta XI edición estivo formando polo xornalista Arturo Lezcano, Ánxela Gracián (en representación de Sotelo Blanco Edicións), Hixinio Puentes (gañador do Risco de Narrativa 2009 pola novela A do Vinte e un), Carme Fernández Pérez San Julián (Profesora da Universidade da Coruña) e Xulio García Golpe; actuando como secretario Luís Martínez-Risco Daviña (en representación da Fundación Vicente Risco).