A Coruña: recital poético coordinado por Emma Pedreira e Teresa Seara

O venres 11 de novembro, ás 20:00 horas, no salón de actos da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º), terá lugar un recital coa participación de 11 poetas, coordinado por Emma Pedreira e Teresa Seara, a quen lle agradecemos a súa información.

Allariz: presentación de Pegadas, da Porta verde do sétimo andar

O venres 11 de novembro, ás 20:30 horas, na libraría Aira das Letras (Rúa Emilio Pardo Bazán, 5) de Allariz, terá lugar a presentación de Pegadas, libro colectivo de 37 autores/as de Galiza e Portugal, que constitúe o número 2 dos Cadernos Q de Vián, publicados por A porta verde do sétimo andar.

Vigo: presentación de A chave da Atlántida, de Anxo Fariña

O venres 11 de novembro, ás 20:00 hora, na Casa do Libro (Rúa Velázquez Moreno, 27) de Vigo, preséntase A chave da Atlántida, de Anxo Fariña, publicado en Xerais, gañador do Premio Merlín de Literatura Infantil 2011. O acto, con debuxos en directo e algunha sorpresa máis, contará coa presenza do autor, quen agasallará unha ilustración especial de tiraxe limitada ás primeiras persoas que soliciten a sinatura do seu libro.

Entrevista a Fran Alonso en Radiofusión

‘Como, sentados diante do ordenador, contactamos con persoas doutra parte do planeta ou como, só a través dos ruídos que traspasan paredes, coñecemos aos nosos veciños. Fran Alonso retrata distintos xeitos de comunicación no eido urbano fuxindo do “adoutrinamento” “É imposible non ter unha mirada política sobre as cousas, pero intento non ser moralista nin didáctico”, explicou nos micrófonos de Radiofusión. En Ninguén, obra que Xerais vén de achegar aos andeis das librarías, comparten protagonismo unha muller que concerta unha cita a través de Internet, un mozo obsesionado polas voces dos seus veciños ou un escritor que recibe correos dunha lista na que nunca se deu de alta, entre outros.” Desde Xerais. A entrevista pódese escoitar enteira aquí.

Santiago: acto literario no 25 aniversario de Polaroid, de Suso de Toro

O xoves 10 de novembro, ás 20:00 horas, no Salón de Actos do IES Rosalía de Castro (Rúa de San Clemente, s/n), de Santiago de Compostela, terá lugar un acto literario en conmemoración do 25º aniversario da publicación de Polaroid, de Suso de Toro, no que participarán Xosé Luís Axeitos, Pepe Barro, José Manuel Estévez Saá, Rexina Vega, Rosa López Gato e o propio autor, con Iago Martínez como moderador.

Santiago: presentación de Mar ao Norde/Mar al Norte, de Álvaro Cunqueiro

O xoves 10 de novembro, ás 20:00 horas, na Fundación Torrente Ballester (Rúa do Vilar, 7) de Santiago de Compostela, preséntase o libro de Álvaro Cunqueiro Mar ao Norde/Mar al Norte, publicado na Editorial Alento. Intervirán Xosé María Álvarez Cáccamo, poeta e epiloguista do libro, Manuel Outeiriño, poeta e ensaísta, Xenaro García Suárez, director da editorial, e Miguel Fernández Cid, xerente da Fundación Gonzalo Torrente Ballester.