Santiago: Leccións de cousas, de Antón Reixa

O venres 17 de xuño, ás 20:00 h., no Centro Galego de Arte Contemporánea (Rúa Ramón del Valle-Inclán, s/n.) de Santiago de Compostela, Antón Reixa exporá un conxunto de oito videoinstalacións inéditas, nas que a imaxe, a palabra e a performance se entrecruzan para afirmar un territorio neodadaísta onde a irrisión, o comentario político e social, e unha especie de melancolía existencial se mesturan produtivamente. Ademais, no Auditorio do CGAC, poderase revisar unha selección das súas intervencións máis relevantes dos últimos trinta anos no universo audiovisual. Crónica posterior en Galicia Hoxe.

Santiago: faladoiro sobre A obra poética de Álvaro Cunqueiro

O xoves 16 de xuño, ás 19:00 horas, no salón de actos do Consello da Cultura Galega (Pazo de Raxoi, 2º andar, Praza do Obradoiro), en Santiago de Compostela, terá lugar o faladoiro A obra poética de Álvaro Cunqueiro, no que participan Henrique Monteagudo, Xosé Manuel Salgado, Manuel Forcadela e Teresa López.

Vigo: presentación de Cero, de Oriana Méndez

O venres 17 de xuño, ás 20:00 horas, no Centro socio-cultural Bou Eva (Rúa Tercio de Fóra, 11-baixo A) de Vigo, presentación do poemario Cero, de Oriana Méndez, publicado en Galaxia. No acto, a autora estará acompañada por Carlos Lema, Chus Pato e Gonzalo Hermo.

Guitiriz: presentación do libro A fosa do cemiterio de Vilarraso (Aranga), de Emilio Grandío e Eliseo Fernández

O xoves 16 de xuño, ás 20:00 horas, no local da A. C. Xermolos (Casa das Palabras), en Guitiriz, preséntase o libro A fosa do cemiterio de Vilarraso (Aranga), de Emilio Grandío e Eliseo Fernández, coa participación deste último, acompañado por Alfonso Blanco, Baldomero Iglesias “Mero” e Santiago Fernández.

O Barco: presentación de O lecer das augas

O venres 17 de xuño, ás 20:30 h., no edificio multiusos do Concello de O Barco de Valdeorras, presentación de O lecer das augas. Historia dos balnearios en Galicia. 1700-1936, publicado en Galaxia. Participan no acto Aurelio Blanco Trincado, Felipe Senén e Luís Alonso Álvarez, que falará en nome dos tres autores do libro.

Camilo Franco pecha a súa Balada triste de moqueta

Camilo Franco pecha mañá, día 16 ás 22:30 horas na Casa das Crechas a súa última proposta de literatura para a rede, Balada triste de moqueta, o primeiro folletín para facebook do mundo. Acompañarano no escenario o músico Magín Blanco e a actriz e cantante Pepa Yáñez, nunha noite na que prometen que haberá “cervexa, música en directo, lecturas dramatizadas, análise política, algo de mala baba e moito cachondeo”.’ Vía Galicia Hoxe.