Nova xunta directiva da AELG

A Asociación de Escritores en Lingua Galega, na súa Asemblea Anual de Socios e Socias celebrada o pasado sábado 7 de febreiro de 2009 no salón de actos do CGAC, aprobou a renovación da xunta directiva, que no sucesivo estará formada por:

Cesáreo Sánchez, presidente
Antía Otero, vicepresidenta
Mercedes Queixas, secretaria xeral
Antonio Reigosa, vogal Lugo, responsable da sección de Literatura Oral
Isidro Novo, vogal Lugo
Xerardo Méndez, vogal Ourense
Francisco Castro, vogal Pontevedra-Vigo
Elvira Riveiro, vogal Pontevedra-Vigo
Francisco Souto, vogal A Coruña
Carlos Quiroga, vogal relacións Lusofonía
Xavier Queipo, vogal Área Internacional

Máis información: resumo das resolucións da Asemblea anual da AELG.

Asemblea anual de socios e socias da AELG

A Asociación de Escritores en Lingua Galega celebrará a Asemblea Anual de Socios e Socias o vindeiro sábado 7 de febreiro de 2009, ás 11,00 horas en primeira convocatoria, e ás 11,15 horas en segunda convocatoria, no Salón de Actos do Centro Galego de Arte Contemporánea, para tratar os seguintes puntos da orde do día:

1. Aprobación da acta anterior.
2. Informe económico e de actividades do ano 2008
3. Proposta de renovación da xunta directiva
4. Proposta de actividades para o ano 2009
5. Rogos e preguntas

A AELG outorgará o galardón “Escritora Galega Universal” á escritora mexicana Elena Poniatowska

O galardón ofreceullo o presidente da asociación, o poeta Cesáreo Sánchez Iglesias, no transcurso da súa recente estadía na Feira do Libro de Guadalajara (México).

A distinción entregáraselle no transcurso da Cea das Letras, un dos actos máis importantes na vida da Asociación de Escritores en Lingua Galega, xunto cos Premios AELG, uns galardóns que, concedidos por escritores/as para escritores/as, levan camiño de se afianzar como uns dos de máis prestixio no noso panorama literario. A Cea das Letras celebrarase no mes de maio de 2009.

Elena Poniatowska

Xornalista e narradora, nacida en París o 19 de maio de 1933, filla dunha mexicana, Paula Amor, e un nobre polaco, Jean Poniatowska.. Radica en México desde 1942. Foi bolseira do Centro Mexicano de Escritores, de 1957 a 1958; ingresou no Sistema Nacional de Creadores Artísticos, como creadora emérita, en 1994.

A Segunda Guerra Mundial fixo que a súa nai tomara unha decisión que cambiou a súa vida. Nai e filla partiron cara a México, mentres o seu pai loitaba co exército francés e participaba no desembarco de Normandía. A guerra separounos durante cinco anos. Conservou a nacionalidade francesa ata que casou e se nacionalizou mexicana.

A súa carreira principiou no exercicio do xornalismo, e ten publicada unha obra moi ampla, que inclúe varios xéneros.

Entre os seus textos destacan as novelas Hasta no verte Jesús mío (1969), Querido Diego, te abraza Quiela (1978), La flor de Lis (1988), Tinísima (1992) e La piel del cielo (2001); os ensaios: Todo empezó el domingo (1963), La noche de Tlaltelolco (1971), Gaby Brimmer (1979), Fuerte es el silencio (1980), El último guajolote (1982), ¡Ay vida, no me mereces! (1985), Nada, nadie. Las voces del temblor (1988) e Juchitán de las mujeres (1989); as coleccións de contos: Lilus Kikus (1954), De noche vienes (1979), Métase mi prieta entre el durmiente y el silbatazo (1982); e os libros de entrevistas: Palabras cruzadas, Era (1961), Domingo 7 (1982), Todo México (1990) e Todo México, vol. II (1994).
Acadou múltiples premios entre os que cómpre salientar: Premio Mazatlán 1970, por Hasta no verte Jesús mío; Premio Xavier Villaurrutia 1970 (rexeitado), por La noche de Tlatelolco; Premio Nacional de Periodismo 1978 (foi a primeira muller que recibiu esta distinción) polas súas entrevistas; Premio Manuel Buendía 1987 (outorgado por varias universidades de México), por méritos relevantes como escritora e xornalista; Premio Mazatlán de Literatura 1992, por Finísima; Premio Alfaguara de Novela 2001, por La piel del cielo, e Premio Rómulo Gallegos 2007, pola súa novela El tren pasa primero.