Participación da AELG na AchegArte (fotos)

A presenza da Asociación de Escritores en Lingua Galega foi tan relevante ao menos como na pasada edición do Cultur.gal. Este ano, ademais de atender un stand propio durante os dous días de feira, foron gravadas 22 socias e socios a falaren da súa máis recente actividade e participaron na lectura literaria organizada pola Asociación por volta de 35 persoas, con importante afluencia de público.

AELGAchegArte [Mercedes Queixas no stand da AELG. A foto é de Alfredo Ferreiro]

AELGAchegArte2[Alfredo Ferreiro, Cesáreo Sánchez e Xabier P. Docampo. A foto é de Antonio Iglesias]

img_6521[Público da actividade “Lecturas compartidas”. O público foi abondoso en todas as intervencións, realizadas desde a parte oculta do sofá da foto. A foto é de Ghanito]

Oleiros acollerá o IV Encontro de Novos Escritores

«Eu ou nós? é o lema do IV Encontro de Novos Escritores que se celebrará no Castelo de Santa Cruz, Oleiros, os vindeiros días 20 e 21 de novembro. A iniciativa, desenvolvida pola Asociación de Escritores, analizará cuestións coma a literatura (auto)referenciada, a autoedición, a presenza da patria na creación ou os últimos movementos na poesía. Como novidade, desta volta a organización creou un blog no que os diferentes participantes adiantan as súas intervencións no evento na forma de videos e doutros contidos.» (culturagalega.org)

Antía Otero: ‘O motor literario está en marcha e non o deterán decisións políticas’

«Antía Otero é unha das autoras que se reunirán esta fin de semana no Castelo de Santa Cruz (Oleiros), nos IV Encontros de Novos Escritores e Escritoras, que organiza a Asociación de Escritores en Lingua Galega. Desta vez se preséntanse baixo o título ‘Eu ou nós?’ e reflexionarán reflexionar sobre o futuro, os intereses e a produción literaria destes novos valores. O ‘risco’ ten que ser, ao ver de Antía Otero, o pasaporte destes creadores que ‘sen deixar de aprender do pasado’ non deben esquecer ‘tomar a palabra cara a adiante e sen medo’.» (Ver entrevista n’ A Nosa Terra)

Rolda de prensa de presentación do IV Encontro de Novos Escritor@s Eu ou Nós

Hoxe venres día 13 de novembro, ás 12,00 horas na Libraría NOVA COLÓN (Rúa Olmos 9, A Coruña) vai ser presentado en rolda de prensa o IV Encontro de Novos Escritor@s Eu ou Nós?.

Organizado pola Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), o IV Encontro de Novos Escritor@s Eu ou Nós? vaise celebrar os días 20 e 21 de novembro na Coruña, co obxectivo de crear un espazo para que os autores/as mozos/as teñan a posibilidade de debater sobre os seus proxectos e expectativas e valorar os camiños que está seguindo a súa produción literaria.

Estarán presentes na rolda de prensa os escritores: Cesáreo Sánchez, presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega; Antía Otero e Alfredo Ferreiro

EU OU NÓS? ~ IV Encontro de nov@s escritor@s

Do 20 ao 21 de novembro celebrarase en Sta. Cruz, Oleiros (A Coruña), o Encontro de novas/os escritoras/es a que anualmente a AELG se vén comprometendo. Este evento máis unha vez será un espazo para o diálogo sobre os camiños que as novas letras galegas están a tomar na escena do noso sistema literario.

Mais nesta ocasión a Asociación quixo asumir as potencialidades que as tecnoloxías da información poñen ao dispor da cidadanía para tentar multiplicar as posibilidades de diálogo así como a divulgación dos asuntos a debate.

Deste modo, o Encontro presencial que terá lugar no Castelo de Santa Cruz está a ser prologado por un blogue específico en que as/os relatoras/es adiantan as súas teses mediante documentos dixitalizados, visuais e audiovisuais. Estes contidos preliminares, disponíbeis desde xa no blogue “EU OU NÓS? IV Encontro de nov@s escritor@s”, anticipan as materias que serán tratadas nas mesas de traballo (ver programa) e favorecen a eficacia da reflexión, á que se convida toda persoa interesada na literatura galega.