As polafías son un proxecto da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) coordinado polo Vogal de Literatura de Tradición Oral, Antonio Reigosa, que conta co patrocinio da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural da Consellería de Cultura e coa colaboración de diversas asociacións locais.
A palabra polafía é un neoloxismo referido ás reunións ou veladas de carácter festivo con contidos literarios e musicais, e ten como obxectivo primordial o de poñer en valor e rescatar do esquecemento o valioso patrimonio oral, literario e musical, galego.
O termo polafía quere reunir no seu significado o mellor dos diferentes matices e acepcións de vellas palabras (polavilas, fías, fiadas, fiandóns, seráns,…) con semellantes contidos.
A principal diferenza, en canto ao desenvolvemento, daquelas xuntanzas de antigo co desta nova proposta é que agora podemos, e debemos, axudarnos das novas tecnoloxías, desde os aparellos de gravación, que favorecen o arquivo e estudo do recompilado, ata o uso de novas tecnoloxías, caso de internet, que poden contribuír a unha ampla difusión deste patrimonio.
O formato das polafías require a presenza dun mantedor, divulgador ou especialista que introducirá e comentará as principais características das pezas e xéneros literarios amosados; dun músico, que interpretará romances, coplas ou cantares de raiceiras tradicionais. Sen embargo, o elemento humano transcendental e imprescindible no desenvolvemento de cada polafía constituírano os homes e mulleres, narradores, cantadores, romanceadores…etc, serán os veciños de cada lugar onde se desenvolva a polafía, pois eles son os auténticos protagonistas. O que suceda nas polafías será gravado e logo difundido a través da web da AELG.
As polafías terán unha duración de entre 70-80 minutos. Para este ano 2007 vanse desenvolver ao longo do mes de novembro e decembro nos lugares e datas que relacionamos [no programa]. (AELG)
Arquivo da categoría: Actividades AELG
Obradoiro literario en Santa Comba con Concha Blanco
O 16 de novembro, ás 20:00 horas no Edificio Multiusos do Concello de Santa Comba terá lugar un obradoiro literario con responsabilidade de Concha Blanco.
A Asociación de Escritores en Lingua Galega en colaboración co Servizo Galego de Igualdade da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, continúa mañá en Santa Comba a nova quenda de cinco obradoiros de creación literaria que se levan a cabo durante o outono outras tantas escritoras a Padrón, Ribeira, Sanxenxo e Cuntis e enfocados principalmente a colectivos de mulleres.
A cidadanía de Santa Comba e a súa comarca poderá asistir libremente mañá, 16 de novembro, ás 20:00, no Edificio Multiusos do Concello de Santa Comba ao obradoiro literario que impartirá a autora Concha Blanco.
Esta serie de obradoiros dan continuidade a un proxecto que no que xa participaron as escritoras Marta Dacosta, Laura Caveiro, Estíbaliz Espinosa, María Xosé Queizán, María Reimóndez e María do Cebreiro. (AELG)
AELG asina un protocolo de colaboración con Vicepresidencia
Vicepresidencia e AELG promoverán o coñecemento da literatura e dos escritores/as entre os usuarios/as dos seus centros de servizos sociais. (AELG)
María do Cebreiro na Universidade de Vigo
No marco do Escritores-as na Universidade: II Ciclo de Conferencias, a Asociación de Escritores en Lingua Galega e a S. X. de Política Lingüística, en colaboración coas Universidades da Coruña e Vigo, achegan á comunidade universitaria e á sociedade en xeral a oportunidade de escoitar unha extraordinaria pléiade de escritores e escritoras das nosas letras.
Na Universidade de Vigo (Facultade de Filoloxía e Tradución, Aula A4 – pavillón A, Aula 4), no Campus Universitario Lagoas-Marcosende, o 15 de novembro (11:00 horas) contarase coa presenza de María do Cebreiro.
Marica Campo na Universidade da Coruña
No marco do Escritores-as na Universidade: II Ciclo de Conferencias, a Asociación de Escritores en Lingua Galega e a S. X. de Política Lingüística, en colaboración coas Universidades da Coruña e Vigo, achegan á comunidade universitaria e á sociedade en xeral a oportunidade de escoitar unha extraordinaria pléiade de escritores e escritoras das nosas letras.
Na Universidade da Coruña (Facultade de Filoloxía, Campus da Zapateira) o 13 de novembro (12:30 horas) contarase coa presenza de Marica Campo.
Galeusca 2007: conclusións
«CONGRESO DOS ESCRITORES VASCOS, CATALÁNS E GALEGOS, GALEUSCA 2007
Reunidos nas cidades de Lugo e Mondoñedo, do 1 ao 3 de novembro de 2007, as asociacións de escritores en lingua catalá, éuscara e galega, na celebración da XXIV edición de GALEUSCA
1. Constatamos a necesidade de recuperar, analizar e comunicar, os imaxinarios tradicionais, clásicos e contemporáneos propios, e inventar novos imaxinarios para novos tempos.
2. Afirmamos que a actual estrutura estatal non é garantía do desenvolvemento das nosas identidades linguisticas e culturais, e esperamos e desexamos que a nova presidencia europea poida ofrecernos un novo marco que teña en conta o recoñecento das nacións e linguas sen Estado, para o que é necesaria a intervención desde o ámbito europeo.
3. Preta xa a celebración do 25º aniversario do nacemento de Galeusca, decidimos traballar cara a construcción dunha entidade xurídica común. que nos permita actuar conxuntamente en todas as instancias.
4. Reafirmamos a necesidade de creación dun campo de comunicación entre as nosas linguas e literaturas co fin de actuar no ámbito das traducións directas, para o que facilitaremos un espazo que se concretará na utilización de todos os medios e ferramentas disponibeis (edicións en papel, webs, edicións dixitais, etc).
5. Na perspectiva dos vinte anos de existencia dunha Lei de Propiedade Intelectual no Estado español constatamos que non teñen producido os avances mínimos desexables no referente á protección dos Dereito de Autor, polo que instamos aos diversos niveis administrativos o seu apoio a estas reivindicacións permanentes do sector.
En Lugo, a 3 de novembro de 2007»
I Xornadas Virtuais de Literatura
Hoxe, día 7, ás 17:00 horas comezarán as I Xornadas Virtuais de Literatura organizadas pola AELG. Durante os últimos catro mércores do mes de novembro as persoas inscritas poderán seguir desde os seus computadores persoais as conferencias que ao vivo emitirá a Asociación desde a súa nova plataforma educativa. Deste modo, participantes de todo o mundo poderán ter acceso aos contidos que algúns dos máximos especialistas galegos na obra de Xosé María Álvarez Blázquez (próximo homenaxeado no Día das Letras) e Agustín Fernández Paz disponibilizarán por videoconferencia e através de documentación permanente. Entre as actividades figuran videoconferencias ao vivo e residentes, chats cos especialistas, foros de educadores e diversos materiais complementarios para o desenvolvemento teórico-práctico nas aulas dos temas tratados.
Esta iniciativa pioneira na divulgación universal de contidos culturais contará cos traballos de Xavier P. Docampo, Ramón Nicolás, Xosé María Álvarez Cáccamo, Agustín Fernández Paz (que desvelará algunhas das principais chaves creativas da súa obra), Víctor Freixanes, Mercedes Queixas, Óscar Sánchez e Pedro Silva.
Galeusca 2007: o actual Estado “non é garantía para desenvolver as identidades”
«Na útima xornada de Galeusca, o encontro das literaturas de Galicia, Euscadi e Cataluña que se pechou onte en Lugo, denunciouse que “a actual estrutura estatal non é garantía do desenvolvemento das nosas identidades lingüísticas e culturais”. Por iso, consideraron que a nova presidencia europea poderá ofrecer un “novo marco que teña en conta o recoñecemento das nacións e nacións e linguas do Estado”. […]
A un ano do seu 25 aniversario, os escritores reunidos no encontro decidiron “traballar cara á construción dunha entidade xurídica común” para actuar en conxunto. Reafirmaron ademais a necesidade de creación dun “campo de comunicación entre as nosas linguas e literaturas” para as traducións directas que contarán cun espazo en común.
Ademais, denunciaron que logo de vinte anos de existencia dunha Lei de Propiedade Intelectual, “non teñen producido os avances mínimos desexables no referente á protección dos Dereito de Autor, polo que instamos aos diversos niveis administrativos o seu apoio para estas reivindicacións permanentes do sector”.» (Galicia-Hoxe)
Escritores-as na Universidade: II ciclo de conferencias
O día 31 de outubro ás 12:30 falará Lois Diéguez na Facultade de Filoloxía da Coruña.
Mañá terá lugar en Santiago a I Xornada da Crítica Galega
Mañá, 21 de setembro, nas instalacións do Consello da Cultura Galega, terá lugar a I Xornada da Crítica Galega.
«A I Xornada da Crítica Galega, unha iniciativa que a Aelg, a través da súa Sección de Crítica, bota a andar este ano coa colaboración do Consello da Cultura Galega co obxectivo de crear un foro de reflexión sobre a crítica literaria, tan importante para a normalización do noso sistema literario.
Foi concibida como un primeiro encontro entre profesionais diversos do mundo da crítica para iniciar unha reflexión acerca da situación da crítica literaria en Galicia nas súas diferentes manifestacións.
Esta primeira Xornada, dirixida a todas aquelas persoas relacionadas co mundo da crítica literaria e cos escritores en xeral, quere ter en conta a actividade crítica que se está a desenvolver hoxe no marco peninsular, e para iso contará con representantes da crítica galega, catalá, vasca, española e portuguesa.
O encontro ten ademais como obxectivo crear un foro de debate sobre a crítica literaria galega que reúna todas aquelas persoas que a estean a exercer nos diferentes ámbitos, para debateren os seus principais problemas e acadar un maior grao de recoñecemento e profesionalización das súas actividades.
Desenvolverase nas instalacións do Consello, no 2º andar do Pazo de Raxoi (Praza do Obradoiro s/n, Santiago de Compostela)». (Asociación de Escritores en Lingua Galega)