Desde Cultura Galega:
“O 19 de outubro de 1967 Ramón Otero Pedrayo impartiu a conferencia Homenaxe a Noriega Varela durante as festas do San Lucas de Mondoñedo. Aquí pódela escoitar enteira, tal e como foi gravada, coa vibrante oratoria de Ramón Otero Pedrayo definindo a vida e obra do poeta lugués. A gravación foi recuperada por Manuel Rico nos arquivos de Radio Nacional na Coruña.”
Arquivo da categoría: Audiovisual
A Estrada: presentación de Mulleres na guerrilla antifranquista galega, de Aurora Marco
O xoves 8 de marzo, ás 20:00 horas, na sala de exposicións de Novagalicia Banco da Estrada, a Asociación Cultural Vagalumes, con motivo do Día Internacional da Muller, realizará un acto de presentación do libro da profesora Aurora Marco Mulleres na guerrilla anfranquista galega, no que se proxectarán imaxes do documental As silenciadas, de Pablo Ces. No acto, xunto á autora, intervirá Francisco Pillado.
Xosé Neira Vilas lembra ao “eterno” Isaac Díaz Pardo
Entrevista a Xosé Neira Vilas en V Televisión, desde La Voz de Galicia:
Bueu: presentación de Infancia de vacas mortas, de Daniel Costas
O mércores 7 de marzo, ás 20:30 horas, na Libraría Abrente (Avenida de Montero Ríos, 167) de Bueu, terá lugar a presentación e un recital poético da obra Infancia de vacas mortas, de Daniel Costas, publicada en Barbantesa. O recital estará acompañado dunha proxección de imaxes e música.
Pontevedra: Salón do Libro Infantil e Xuvenil 2012, presentación do martes 6
Do domingo 4 ao sábado 31 de marzo, no Pazo de Cultura de Pontevedra, regresa o Salón do Libro Infantil e Xuvenil para achegarnos ao mundo da literatura. Este ano o Salón, que ten a Paco Martín como autor homenaxeado, indagará nas supersticións; de onde veñen estas crenzas, na importancia dos números nos contos, na boa e mala sorte e nas historias dos nosos maiores e como se trasladan á literatura infantil. Temos preparado un amplo programa de actividades no que toda a familia pode participar porque, no Salón, rapaces e maiores percorren xuntos e descobren o universo dos libros. O horario de apertura será de luns a venres de 9:30 a 13:30 h., e de 16:30 a 20:00 h., e os sábados de 10:00 a 13:30 horas. O programa completo pódese descargar aquí: programa_salon_libro_2012.
– O martes 6 de marzo, ás 20:00 horas, na Sala de exposicións, terá lugar a presentación do libro O soldadiño de chumbo, publicado en Galaxia, e a proxección da curtametraxe do mesmo título. No acto intervirán Virginia Curiá e Francisco Castro.
Unha coroa de loureiro para Ramón Cabanillas
Desde Cultura Galega:
“Foi a última homenaxe en vida ao poeta Ramón Cabanillas. No ano 1958, no Paseo do Espolón de Padrón, os intelectuais Paulino Pedret, Aquilino Iglesia Alvariño e Ramón Otero Pedrayo glosaron a obra do poeta cambadés. O acto rematou coa entrega da coroa de loureiro a Cabanillas, xa moi maior. O Arquivo Sonoro de Galicia publicou no ano 1999 este documento sonoro, que fai o número 17 da colección As nosas voces que estamos a dixitalizar.”
Unha escolma da voz de Ánxel Fole
Desde Cultura Galega:
“En 1997, a Real Academia Galega celebrou a figura de Ánxel Fole no Día das Letras Galegas. O Arquivo Sonoro de Galicia do Consello da Cultura Galega homenaxeou nese ano a figura de Fole, escolmando anacos de entrevistas feitas por Margarita Ledo, Carlos Casares, ou conferencias do propio Fole, e que constitúen unha auténtica retrospectiva da súa vida, narrada por el mesmo.”
Lalín: presentación de Seara. Obra poética (1971-2011), de Xosé Vázquez Pintor
O venres 24 de febreiro, ás 20:30 horas, no Museo Ramón María Aller Ulloa (Rúa Ramón Aller, 9) de Lalín, preséntase Seara. Obra poética (1971-2011), de Xosé Vázquez Pintor, publicada por Espiral Maior. No acto, no que terá especial relevancia a proxección de imaxes das obras de arte dos pintores e escultores de Galicia, participa, xunto ao autor, o editor Miguel Anxo Fernán-Vello.
O autor fíxonos chegar este poema que abrirá o acto, co que se suma tamén á iniciativa do Día de Rosalía promovida pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega:
ROSA EN IRIA
COMO NOS VAI NA URDIME DAS PALABRAS
por tanto aniversario que trasnoita
e anda en soño sentido nas esperas?
E véxote sempre vir de algar canda os fulgores
do solsticio, noite en luz que nos amence e somos
posuídos pola maxia das fontes e dos mares:
versos brancos cabalados no alto coma pedras
informes onde asubía o vento dos refachos
que despois vai no auxilio de alguén que chama ao lonxe
e grita: ven axiña, non pouses, sube ao colo
da Terra e cadra aquí con nós un tempo
de silencio encantenón acorda outra mornura
e antes foxe o desamor, o esquenzo, a tolería
de non ser senón aquela sombra que acompaña:
ROSALÍA NA DANZA DA RISA E DA INTEMPERIE
NUNCA ALTARES
Xosé Vázquez Pintor.
Unha entrevista con Xosé Filgueira Valverde
Desde Cultura Galega:
“O 7 de agosto de 1995, Cristina Pujales, documentalista do Arquivo Sonoro de Galicia realizou unha longa entrevista a Xosé Filgueira Valverde co obxectivo de contar cun amplo documento sonoro no que o intelectual reflexionara en retrospectiva sobre a súa vida e obra. “Nós somos nós, os nosos mestres e os que traballan connosco e nos axudan”, asegura o intelectual pontevedrés nesta emocionante escolma desta dilatada entrevista que suma o volume 12 da colección As Nosas Voces e que se editou en 1997.”
Ramón Otero Pedrayo repasa a vida e obra de Ramón Cabanillas
Desde Cultura Galega:
“O Arquivo Sonoro de Galicia editou en 1996 o noveno volume da colección As Nosas Voces. Trátase dunha maxistral conferencia de Ramón Otero Pedrayo sobre a vida e a obra do poeta Ramón Cabanillas pronunciada no Centro Galego de Madrid en 1964. A conferencia permite apreciar a impresionante oratoria de Otero Pedrayo. O intelectual foi presentado por Xosé Ramón Fernández Oxea (Ben-Cho-Sey), aínda que a súa voz non foi gravada.”