O día 23 de abril de 2009, Día do Libro, o Concello de Arteixo bautizará a súa rede de bibliotecas con nomes de escritores vinculados ao Concello. A Biblioteca Central de Arteixo, que cumpre 20 anos, pasa a chamarse “Henrique Rabuñal”. A Biblioteca posúe 16.000 libros, 3.100 socios e 100 usuarios diarios. Henrique Rabuñal, doutor en filoloxía e catedrático de lingua e literatura galegas, é arteixán de nacemento, historiador do seu concello e profesor no IES “Manuel Murguía”. Puxo en marcha e coordinou durante 15 anos o certame de relatos “Manuel Murguía”. Como escritor é autor dunha obra multixenérica nos ámbitos da creación (A fariña das horas, Ollos negros, O cristal da sede) e a investigación (A Coruña na historia, Manuel Murguía, Palabra e patria ou Poemas coruñeses).
Arquivo da categoría: Bibliotecas
A Coruña: Manuel Rivas fala na Biblioteca de Estudos Locais
Mañá mércores 25 de marzo o escritor Manuel Rivas visitará a Biblioteca Municipal de Estudos Locais para falar da súa obra como peche do Obradoiro de escritura que veu realizándose na Biblioteca no presente trimestre conducido por Pedro Ramos.
O encontro terá lugar ás 19:00 h.nos locais da Biblioteca (Diurán Loriga 10 1º) y estará aberto a todo o publico.
A Coruña: obradoiro de creación artístico-literario dende a rede
Todos os luns a partir do 2 de marzo na Biblioteca Infantil e Xuvenil de Durán Loriga vaise celebrar un obradoiro de creación artístico-literario dende a rede impartido por Antía Otero e Eduardo Estévez. Dirixido a rapaces e rapazas a partir dos 14 anos que queiran descubrir o mundo da escrita e da arte en xeral dun xeito lúdico, o obradoiro propón un achegamento aos video-poemas, os blogs, a música, a imaxe, os audiovisuais, etc. Para inscribirse deben contactar coa Biblioteca Municipal Infantil e Xuvenil (r/Durán Loriga, 10), no teléfono 981 184388 ou neste email.
O Ramón Piñeiro e a Biblioteca Virtual Cervantes presentan un portal das letras galegas
«Baixo a dirección de Anxo Tarrío, a biblioteca [Biblioteca das Letras Galegas] conta con preto de cen recursos entre imaxes, vídeos, audios e textos dixitalizados. Edicións facsímiles de textos medievais, o Refraneiro galego e outros materiais de tradición oral, compilado por Francisco Vázquez Saco en 1952 ou a guía de recursos electrónicos Libros galegos en Internet de Henrique Neira Pereira son algúns dos títulos que se poden consultar neste portal […]» (culturagalega.org)
Gondomar: María Reimóndez no club de lectura “Lendo contigo”
Este próximo sábado 20 de decembro, ás 12:00 horas, a escritora María Reimóndez participará no Club de lectura compartida Lendo Contigo. O libro proposto para este encontro é Lía e as zapatillas de deporte, e sobre el dialogará a autora coas nenas e nenos asistentes. O encontro terá lugar, como é habitual, na biblioteca de Gondomar.
Fene: Eduardo Estévez presenta Construcións
O venres 12 de decembro o escritor Eduardo Estévez presentará na Biblioteca Municipal de Fene o seu último poemario, Construcións, editado por Positivas.