A Coruña: mesa redonda Editar en Galicia hoxe

A Biblioteca Pública da Coruña “Miguel González Garcés” (Rúa Miguel González Garcés, 1) celebra unha mesa redonda co título Editar en Galicia hoxe. Terá lugar no salón de actos o xoves 17 de decembro ás 20:30 h. Intervirán Isaac Díaz Pardo, Víctor F. Freixanes e Miguel Anxo Fernán-Vello. O acto serve ademais para presentar a exposición Editar en galego baixo a censura franquista, organizada pola Fundación Penzol e Editorial Galaxia.

O programa “Libro aberto” da TVG dedicouse ao libro en castelán

2 de outubro de 2009
libroaberto@crtvg.es

Saúdos,

Esta semana visita o programa o científico e escritor Germán Sierra para presentarnos a súa cuarta novela “Intente usar otras palabras”. O autor, encadrado na chamada Xeración Nocilla, relata nesta obra, da man do seu protagonista, moitas das obsesións da sociedade contemporánea.

E o pai do Proxecto Nocilla, o coruñés Agustín Fernández Mallo, preséntanos “Nocilla Lab”, a obra coa que pecha esta triloxía. Coméntanos tamén o documental, elaborado por el mesmo, no que podemos atopar moitas das claves do seu traballo creativo.

Trataremos tamén as técnicas do ilustrador Felipe Ugalde que foi o gañador co II Premio Compostela de Álbum Ilustrado ca súa obra “Un gran soño”. A este galardón, convocado polo concello de Santiago e a editorial Kalandraka, presentáronse máis de 280 proxectos procedentes de 22 países.

Na sección de “Libros na Rede”, abordaremos a web da Asociación Española Galega de Editores. Na páxina podemos atopar as novidades do mundo do libro así como información detallada sobre tódalas editoriais asociadas ou sobre os eventos que forman parte da axenda cultural galega.

E para rematar unha proposta pop de boas letras e mellores melodías: Señor Chinarro, coa que se presenta o cantautor sevillano Antonio Luque. O tema co que despedimos o programa, “Los Ángeles”, forma parte do seu disco “Ronroneando”.

Todo isto na G-2 (TDT) ás 20:00 horas.

Ademais poden achegarse ao noso programa a través da páxina web.

Redacción
Libro Aberto

Ourense: presentación d’ O paraíso das sombras, de Cesáreo Sánchez

O xoves 5, ás 20:00 horas, terá lugar a presentación d’ O paraíso das sombras, de Cesáreo Sánchez Iglesias. Será na libraría Torga, de Ourense, onde acompañarán o autor Francisco X. Fernández Naval e Tucho Calvo.
[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/O7v4m7_nC2s" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

Vía O levantador de minas.

Santiago: presentación do I Premio Produto Gráfico e Libro Galego

O vindeiro mércores 24 de xuño ás 12:00 presentarase na sede da Fundación Caixa Galicia de Santiago a I edición do Premio Produto Gráfico e Libro Galego. O acto será inaugurado por Roberto Varela, Conselleiro de Cultura e Turismo. O Premio Produto Gráfico Galego nace co fin de recoñecer o labor dos profesionais e empresas de Galicia que destacan pola súa creatividade e innovación no campo da produción gráfica. Os premios promovidos polo Clúster do Produto Gráfico e do Libro Galego constarán de catro categorías: produto gráfico galego, deseño-innovación galego, libro editado galego e novos talentos. A inscrición é gratuita e estará aberta até o 15 de outubro de 2009. O galardón consistirá nunha peza exclusiva e orixinal. A categoría Novos Talentos estará dotada cunha bolsa de 6.000 euros.

A Coruña: presentación de Metal central, de Alfredo Ferreiro

Hoxe venres 5 de xuño na galería Sargadelos da Coruña (Real, 56), ás 20:00, terá lugar a presentación do poemario Metal central (Espiral Maior), de Alfredo Ferreiro. O autor contará coa presenza de Xosé María Álvarez Cáccamo (autor do prólogo) e Miguel Anxo Fernán Vello (editor).

A Coruña: presentación de Lúa de xemas frías, escolma de poesía mapuche de Xulio L. Valcárcel

Xulio L. Valcárcel: “Hoxe, cunha globalización que pretende chegar coa súa teima uniformizadora e esterilizante aos lugares máis recónditos, os mapuches tratan de conservar a súa identidade. A loita tenaz e admirable deste pobo pola preservación, fronte a tanta e tan aberta hostilidade, dos seus sinais identitarios, a súa encomiable resistencia fronte á sociedade consumista de carácter masificador e homogenizador, e o papel esencial que nese proceso de afirmación do propio teñen desempeñado con orgullo os seus poetas, explican o porqué deste libro”.

A presentación de Lúa de xemas frías (Espiral Maior), a recente escolma de poesía mapuche cuxa edición vén de realizar Xulio L. Valcárcel, terá lugar o mércores 20 de maio ás 20,00 horas na Galería Sargadelos da Coruña (Rúa Real, 56). O acto contará coa participación de Iván Contreras, Miguel Anxo Fernan Vello e Xulio L. Valcárcel. Tamén ofrecerán unha participación especial o actor Gustavo Pernas e a actriz Ánxela G. Abalo.

A Coruña: presentación dun poemario de Diana Varela Puñal

Mañá martes 12 de maio na Galería Sargadelos da Coruña (Rúa Real, 56) terá lugar a presentación do libro Fíos de Diana Varela Puñal, editado por Espiral Maior. O acto contará coa participación de Suso Pensado, Miguel Anxo Fernan Vello e a autora. A entrada é libre.