O escritor anglosaxón Bali Rai percorrerá os institutos galegos ao longo da próxima semana

O escritor, que ten no seu haber preto dunha vintena de títulos, algúns de tanta repercusión coma Rani & Sukh ou The crew e prestixiosos premios coma o “Brandford Boase Award Shorlist” ou o “Angus Book Award”, percorrerá ao longo da próxima semana os centros educativos da Coruña, Sada, Arteixo, Silleda, Catoira, Boiro e Santiago de Compostela para partillar cos rapaces e rapazas a súa experiencia de fillo de emigrantes hindús -punxabis- e os seus problemas de integración dentro dunha cultura tan diferente como é a anglosaxona. Este diálogo cara a cara cos rapaces terá como punto de partida a presentación do seu libro Un casoiro ben mal amañado, editado recentemente por Sotelo Blanco. A obra, destinada a un público xuvenil, retrata, cunha linguaxe áxil e sen complexos, o conflito que representa para un rapaz adolescente desafiar as ríxidas estruturas patriarcais da cultura punxabi e forxarxe a si mesmo para procurar a propia identidade. (Sotelo Blanco Edicións)

A Coruña: presentación do poemario Nocturnidade do sal, de Alexandre Nerium

O día 21 de novembro, ás 19:00 na Real Academia Galega, terá lugar o acto de presentación do poemario Nocturnidade do sal, de Alexandre Nerium (Sotelo Blanco, Col. Edoy Leliadoura). Intervirán Xosé Luís Axeitos Agrelo, Francisco Fernández Rei, Salvador García Bodaño, Xosé María Dobarro Paz, Olegario Sotelo Blanco e o autor.

A Coruña: presentación do poemario Da carraxe e da paixón, Xosé Manuel Cairo Antelo

O 19 de novembro ás 20:00 na Galería Sargadelos da Coruña (Rúa Real, 56) terá lugar a presentación do poemario Da carraxe e da paixón, Xosé Manuel Cairo Antelo. Intervirán Xulio Valcárcel, Fidel Vidal, Miguel Anxo Fernán Vello e o autor.

Novos libros de Victorino Pérez

Comunicamos a aparición do novo libro Dios, Hombre, Mundo, de Victorino Pérez (Editorial Herder), que será presentado o próximo 10 de decembro en Barcelona, aínda que xa se pode adquirir. Lembramos que publicou este ano tamén Más allá de la fragmentación de la teología, el saber y la vida: Raimon Panikkar (Ed. Tirant lo Blanch), con prólogo do mesmo Raimon Panikkar.

“esca e pedra”, último proxecto na rede de Eduardo Estévez

Eduardo EstévezA última creación de Eduardo Estévez na rede leva por título esca e pedra, e está albergada no espazo virtual culturagalega.org. Consiste na elaboración dun poema cada semana a partir dun tema xurdido aleatoriamente: «Cada semana accedo á galipedia, premo en “páxina aleatoria” e a partir do artigo que saia,  escribo un poema. Así trinta veces. Trinta semanas. Trinta poemas.» (esca e pedra)

Ana Romaní recibe o premio dos editores cataláns á mellor xornalista de radio

Ana Roman�«O Gremio de Editores de Catalunya fixo entrega, no transcurso da XXIII Nit de l’Edició que se celebrou onte no Hotel Arts de Barcelona, os seus premios Atlàntida, que nesta ocasión recaeron no presidente do Goberno, José Luis Rodríguez Zapatero, e a Comisión de Cultura do Congreso dos Deputados; no xornal “El País”; no programa de TV2 “Página 2”; na publicación electrónica “Vilaweb”; e na xornalista e escritora galega Ana Romaní, directora do programa “Diario Cultural” da Radio Galega. [..]» (AGE)

Ferrol: clausura da campaña “Cantar e contar”

A campaña de fomento da lingua galega “Cantar e contar: ler na nosa lingua” que se celebra no Centro Cultural Carvalho Calero de Ferrol, organizada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e a editorial Kalandraka, chegará hoxe ao seu remate cunha sesión especial de contos e música dirixida ao público familiar, a partir das 18:30. (Kalandraka)